Un tornado dana varias vivendas e coches e derruba árbores en Oza-Cesuras

Foron dous ou tres minutos de fortes ventos precedidos dunha sarabiada

Os bombeiros de Betanzos desprazáronse ata o lugar para realizar diversas intervencións e informaron de que o vento tirara máis dunha ducia de árbores de grandes dimensións

G24.gal 31/10/2023 09:44 Última actualización 31/10/2023 14:32

Un tornado provocou danos materiais en Oza-Cesuras ao levantar tellados e danar un vehículo. O 112 Galicia informou de que os feitos se rexistraron no lugar de Penabelá, en Rodeiro, pouco antes das 14:30 horas deste luns, cando un particular chamou para indicar que o vento levara por diante os tellados da súa casa e do garaxe e danara tamén o seu vehículo.

Pouco despois, outra persoa comunicou feitos similares, ao describir danos no tellado doutra vivenda. Os bombeiros de Betanzos desprazáronse ata o lugar para realizar diversas intervencións e informaron de que o vento tirara máis dunha ducia de árbores de grandes dimensións.

Non houbo feridos, pero si causou danos moi aparatosos e moi cuantiosos. "Levantou tellados de varias vivendas e garaxes, causou tamén danos en varios vehículos e derrubou decenas de árbores de grandes dimensións"; "Tamén caeron postes da luz e estivemos horas sen ela", relatan.

As zonas máis afectadas son as aldeas de Penabelá e Cuada. Alí os veciños contan que todo isto aconteceu en cuestión de escasos minutos e que foi o nunca visto. "Pasou todo en dous ou tres minutos e arramplou con todo"; "Aquí hai xente de noventa anos e non lembran nada semellante"; "A ver agora que pasa porque os tellados están movidos e pode ser que caian cando volva ir vento".

Por iso agora toca avaliar os danos das vivendas. E malia que os afectados pasaron esta noite nelas, ante a previsión da chegada de novas borrascas o Concello estalles a ofrecer refuxio nun hotel.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade