O 6 % do censo de residentes ausentes votou nestes comicios
O 6 % do censo de residentes ausentes votou nestes comicios
Os resultados deste voto, que por primeira vez despois de tres comicios non foi rogado, daranse a coñecer o 26 de febreiro
No 2020 votaran 5.404 persoas (1,17 %); no 2016, 10.777 (2,41 %); e no 2012, 12.954 (3,26 %)
Un total de 29.300 persoas, residentes no estranxeiro, votaron nestas eleccións autonómicas, o que supón un 6,15 % dos 476.514 que forman parte do CERA. Confirmouno o director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, no Centro de Datos da Xunta instalado en San Caetano.
Os resultados deste voto, que por primeira vez despois de tres comicios non foi "rogado", daranse a coñecer o 26 de febreiro. No 2020 votaran 5.404 persoas (1,17 %); no 2016, 10.777 (2,41 %); e no 2012, 12.954 (3,26 %).
No 2009 depositaran o seu voto no estranxeiro 101.708 electores, un 30,2 % do total. Polo momento descoñécese o voto do Censo Electoral de Residentes Ausentes debullado por provincias.
En todo caso, a circunscrición da Coruña é a que rexistra un maior número de electores, con 164.8421; seguida de Pontevedra, con 138.182; Ourense, con 103.832; e Lugo, con 69.658.
En canto ao top cinco de países, A Arxentina segue á cabeza con moita diferenza, xa que computa 166.289. Séguena Cuba e O Brasil, onde se superan os 45.000. O Uruguai computa 37.165; e Suíza, o primeiro país alleo ao continente americano no ranking, 34.114.
O peso do voto exterior
O CERA reflicte así o peso porcentual que teñen as persoas residentes no exterior á hora de decidir sobre o futuro Goberno autonómico. Cando Manuel Fraga perdeu en 2005 a maioría absoluta, o foco estivo na provincia de Pontevedra.
O reconto do voto exterior certificou o fin da era de Fraga á fronte da Xunta. Catro anos máis tarde, en marzo de 2009, o seu sucesor, Alberto Núñez Feijóo, logrou sumar 39 dos 75 escanos da Cámara autonómica na noite electoral.
Posteriormente, o voto emigrante rebaixaría a súa maioría absoluta a 38 actas, ao gañar o PSOE un por Ourense en detrimento do PPdeG.
Ao agora líder nacional do PP, en cambio, nas autonómicas de xullo de 2020, as últimas ás que se presentou en Galicia, o apoio da emigración permitiulle a súa máis ampla maioría absoluta ao chegar ás 42 actas no hemiciclo galego.
Nesa ocasión, o reconto do sufraxio na diáspora inclinou a balanza ao seu favor ao arrebatar un escano ao PSdeG en Pontevedra, que sumou o PPdeG.