Un coche obriga a parar un tren en Valga
Un coche obriga a parar un tren en Valga
O vehículo levou a barreira por diante e o convoi tivo que agardar ata que os operarios do ADIF a repuxeron
Un incidente nun paso a nivel en Valga obrigou a deter un tren onte á tarde en dirección a Vilagarcía. Un vehículo levou a barreira por diante e o convoi tivo que agardar ata que os operarios do ADIF a repuxeron. Os veciños da zona aseguran que ás veces a barreira falla e non sobe, polo que os coches teñen que dar un rodeo ao non poder atravesar polo paso a nivel.
O paso a nivel situado no lugar da Devesa en Valga funciona con total normalidade hoxe. Foi onte á tarde cando un vehículo por causas que se descoñecen, levou por diante unha das barreiras. Os operarios do ADIF acudiron ao lugar para repoñela.
Os traballos obrigaron a deter o tren que ía dirección Vilagarcía e debía pasar por ese punto ao redor das 6 e media da tarde. Estivo parado uns 10 minutos e cando estivo colocada a barreira retomou a viaxe.
Os veciños aseguran que o paso a nivel é seguro e que nunca se produciron problemas. Só apuntan que algunha vez a barreira falla e non sobe, obrigando os condutores a dar un rodeo.Nunca contemplaron a posibilidade da supresión do paso a nivel, porque deixaría illada parte da aldea.