Un veciño de Meira perde todas as súas pertenzas no incendio da caravana onde vivía
Un veciño de Meira perde todas as súas pertenzas no incendio da caravana onde vivía
O home, de 67 anos, levaba meses residindo nun terreo seu, pero non estaba empadroado
A falta dun teito, os residentes no lugar da Valiña estano a acoller nas súas casas
Un incendio arrasou por completo a caravana onde residía, dende había seis meses, un veciño de Meira. O seu dono, Reinaldo Salgado, de 67 anos, puido salvar a vida cando se declarou o lume de madrugada, pero quedou co posto.
Só lle deu tempo a salvar o móbil, co que deu aviso ao 112, que mobilizou os bombeiros do parque comarcal de Vilalba.
Reinaldo Salgado, dono da caravana: "Espertei co fume e coas lapas. Antes de saír, collín este xersei, este pantalón e o móbil para chamar a Emerxencias, pero nada máis".
Ignacio Martínez, sarxento dos bombeiros de Vilalba: "Desprazouse a dotación que estaba ás tres e media da mañá no parque, pero ao chegar apenas quedaban os ferros, dada a natureza dos materiais, polo que acabaron de extinguir o que quedaba".
No incendio, Reinaldo perdeu todas as pertenzas que trouxera de onde residía, en Madrid. Ademais da caravana, quedou calcinada a súa roupa, a documentación ou os cartos que tiña.
Ao non estar empadroado, o Concello non pode axudalo, e á falta dun teito, está a ser acollido polos seus veciños do lugar da Valiña.
Reinaldo Salgado, dono da caravana: "Agora durmín cuns amigos e esta noite irei con outro amigo. E o cura de Meira díxome que fose velo e a ver se se pode facer algo".
Polo de agora descoñécense as causas do incendio, que causou uns danos valorados en máis de 6.000 euros.