Un xaponés entra como membro de honra na Real Academia Galega
Un xaponés entra como membro de honra na Real Academia Galega
Takekazu Asaka leva case 40 anos estudando a lingua, traduciu ao xaponés os nosos poetas máis insignes e ata pulicou estudos de sociolingüística
A Real Academia Galega terá a partir deste sábado un membro xaponés, un membro de honra. E non sen mérito.
Takekazu Asaka leva case 40 anos estudando a lingua, a gramática e a cultura galegas. Traduciu ao xaponés os nosos poetas máis insignes, estudou os matices das variedades dialectais e ata pulicou estudos de sociolingüística. Grazas a el, o Días das Letras Galegas celébrase en Toquio.
Atopamos a Takekazu Asaka preparando o acto deste sábado en Cambados, onde vai ser recibido como membro de honra da Real Academia Galega. Trae con el unha soprano e unha pianista coas que leva anos traballando en Toquio espallando poemas de Rosalía, Cabanillas e Novoneyra.
"Foi un grande éxito para difundir a vosa cultura no Xapón".
Cóntanos que entrou en contacto co galego mentres estudaba Románicas en Madrid. A través do xornal A Nosa Terra.
"O meu primeiro traballo é de Rosalía e Castro. Cabanillas ten un estilo que foi máis difícil de entender para min".
Gústalle a beleza que hai na diversidade e nos matices.
"Hai viño, peixe, todo riquísimo. Na montaña é outra cultura, ou a mesma cultura, pero con caracteres diferentes".
Confésanos que para el é un orgullo que aquí os amigos lle chamen Takiño.
"Take non ten sabor".
Para el teñen importancia os aspectos subxectivos e afectivos da linguaxe. Tamén estuda a sociolingüística.
"A maneira de falar vai cambiando pouco a pouco. Agora hai neofalantes e a lingua séguese falando, pero eu penso que hai que conservar a forma antiga".
Cre que galegos e xaponeses temos en común a experiencia da emigración dun pobo traballador e nostálxico.
Takekazu Asaka: "Mañá vai ser un día formidable, marabilloso".
O día en que, xa xubilado, o honra a Academia do idioma que o namorou cando aínda era estudante