Un xeólogo galego conta como viviu o terremoto en Marrakech
Un xeólogo galego conta como viviu o terremoto en Marrakech
Francisco Canosa é consciente de que aínda se poden producir réplicas nos próximos días
Está sorprendido da magnitude e a escasa profundidade á que se produciu o terremoto
Turistas españoles en Marrakech: "Pensamos que todo se ía derrubar"
Francisco Canosa, doutor en Xeoloxía, relata como viviu o terremoto cando volvía do congreso de xeoparques no que participa en Marrakech.
"Collín un taxi e mentres iamos notei un volantazo moi forte pero fixeime en que o condutor non fixo ningún movemento brusco e non sabía que estaba pasando. E despois cando cheguei ao hotel foi cando, loxicamente, vin que estaba todo mundo fóra e unha situación un tanto estraña. Por pouquiño me puido pillar no centro. Foi cuestión de 15 minutos".
O seu hotel daba conta das consecuencias que tivo o tremor en toda a cidade.
"Había fisuras por todas partes. Hai unha parte do edificio que ten unha fenda desde a base ata a parte superior, importante. Non ten máis consecuencias ca esa, non vai caer nin nada polo estilo pero si hai moitos edificios que colapsaron".
Como experto en xeoloxía insiste en que os terremotos no norte de África non son raros polo contacto entre as placas tectónicas, o extraordinario neste caso, é a escasa profundidade á que se produciu, case en superficie. É consciente de que os próximos días poden ser aínda complicados.
"Sabía que un terremoto desa magnitude e escasa profundidade loxicamente ía levar réplicas asociadas, e así foi. A escasos 15 minutos do terremoto principal produciuse unha réplica, de escasa magnitude, que practicamente non se sentiu. E loxicamente a partir dese momento a cuestión relaxouse pero non sería de estrañar que nos próximos días poida producirse un novo terremoto pero non da magnitude do primeiro".