Un xuíz rexeita o recurso do Goberno dos EUA e declara ilegal o plan migratorio DACA
Un xuíz rexeita o recurso do Goberno dos EUA e declara ilegal o plan migratorio DACA
Esta batalla xudicial parte dunha demanda presentada por oito estados con gobernos republicanos
DACA permitiu a máis de medio millón de migrantes que chegaron aos EUA. cando eran menores de idade, permaneceren no país sen medo a ser deportados e traballaren legalmente
Un xuíz federal en Texas rexeitou un recurso do Goberno do presidente Joe Biden e declarou novamente ilegal o programa Acción Diferida para os Chegados na Infancia (DACA).
O xuíz Andrew Hanen, do distrito sur de Texas, desestimou o intento da Administración demócrata de rexistrar o plan na lei federal coa esperanza de protexelo ante as demandas na súa contra e de favorecer así os máis de medio millón de beneficiarios do amparo migratorio.
A sentenza, que ten altas probabilidades de que apele contra ela novamente o Executivo de Biden, non ordena que se tomen accións contra as persoas que se benefician do DACA actualmente, como deportalas ou invalidar os seus permisos de traballo.
Hanen, que en 2021 declarou ilegal o memorando inicial que creou o programa DACA, argumentou no documento que aínda que sente "simpatía" polos soñadores, como se coñece os beneficiarios de DACA, ten "problemas coa legalidade do programa".
"A solución" para estas persoas "recae na vertente lexislativa e non na executiva ou a xudicial", subliñou o maxistrado no escrito.
"O memorando inicial foi promulgado de maneira ilegal" e segundo o xuíz o goberno de Biden tentou simplemente "formalizar" un programa que o maxistrado xa declarou como irregular.
"Non hai ningunha diferenza material" entre o documento que creou o programa DACA en 2012, baixo o goberno do expresidente demócrata Barack Obama (2009- 2017), e o que foi presentado pola actual administración o ano pasado, subliñou Hanen.
Esta batalla xudicial, que parte dunha demanda presentada por oito estados con gobernos republicanos, alongouse durante anos e é probable agora que chegue á Corte Suprema.
DACA permitiu a máis de medio millón de migrantes que chegaron aos EUA cando eran menores de idade permanecer no país sen medo a ser deportados e traballar legalmente.
Grupos activistas pediron ao Congreso tomar accións para dar unha solución permanente aos "soñadores", e aseguran que é cuestión de tempo antes de que os tribunais decidan acabar definitivamente co programa.
DACA foi posto en marcha polo Goberno de Obama como unha medida temporal, pero o seu sucesor na Casa Branca, o republicano Donald Trump (2017-2021), decidiu no primeiro ano do seu mandato poñerlle fin, o cal desencadeou un efecto catarata de demandas e contrademandas en cortes que levaron á situación actual.
O Goberno de Biden rexeita a sentenza que declara a DACA ilegal e adianta que apelará contra ela
A Casa Branca está "profundamente decepcionada" despois de que un xuíz de Texas declarase ilegal o programa Acción Diferida para os Chegados na Infancia (DACA), sinalou a voceira Karine Jean-Pierre nun comunicado.
"Estamos en desacordo coa sentenza da corte do distrito (...) e seguiremos defendendo esta importante política dos desafíos legais", detallou o escrito.
Jean-Pierre lembrou ademais que para o Goberno de Biden foi unha prioridade protexer os beneficiarios de DACA "desde o día un" e fixo un chamamento ao Congreso para aprobar lexislación que lles ofreza unha camiño á regularización aos máis de medio millón de persoas que dependen do amparo migratorio.