Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un xulgado de Madrid cita a María Jesús Montero a unha conciliación coa parella de Ayuso

Un xulgado de Madrid cita a María Jesús Montero a unha conciliación coa parella de Ayuso

O acto está fixado para o vindeiro 2 de outubro ás 10:00 horas

Alberto González Amador reclámalle 40.000 euros polas declaracións que a ministra de Facenda fixo o pasado 12 de marzo no Senado, en que pediu explicacións á presidenta madrileña por estar a vivir "nun piso que se pagou cunha fraude á Facenda Pública"

G24.gal 11/07/2024 09:22

A vicepresidenta primeira do Goberno e ministra de Facenda María Jesús Montero foi citada por un xulgado de Madrid a un acto de conciliación coa parella da presidenta da Comunidade de Madrid Isabel Díaz Ayuso, Alberto González Amador, segundo adiantou El Confidencial e confirmaron a Europa Press fontes xurídicas. Segundo este medio, a cita está fixada para o vindeiro 2 de outubro ás 10:00 horas

O acto de conciliación dáse tras unha reclamación de González Amador de 40.000 euros polas declaracións que a ministra de Facenda fixo o pasado 12 de marzo na sesión de control ao Goberno no Senado, en que pediu explicacións á presidenta madrileña por estar a vivir "nun piso que se pagou cunha fraude á Facenda Pública" e que "se pagou coas comisións respecto ás máscaras na peor situación de pandemia".

Montero tamén indicou que lle parecía "rechamante" que Ayuso "teña un irmán e agora un noivo que parece que están relacionados con presuntas causas de fraude, sexan de máscaras ou de comisións ou de calquera outra cuestión". Dixo ademais: "Ten que facer que llo miren". Pediulle que dea explicacións "con normalidade", xa que adoita ser "tan rápida" á hora de contestar. "Por que non responde a esta cuestión?", insistiu.

A vicepresidenta primeira do Goberno reacciono así a unha información que elDiario.es publicou entón, que sinalaba que a Fiscalía presentou unha denuncia contra a parella de Ayuso por unha presunta fraude fiscal superior a 350.000 euros, ademais de que a presidenta autonómica residía nun piso dun millón de euros que se pagou despois de que Facenda estivese a investigar o seu noivo.

Con todo, as informacións non indicaban que o apartamento fose pagado cos 350.000 euros presuntamente defraudadados, polo que González Amador interpuxo unha demanda por intromisión no dereito á honra e intimidade, segundo confirmaron esas mesmas fontes.

Con todo, o acto de conciliación é o paso previo antes da interposición formal dunha demanda da parella de Ayuso, polo que cabe a posibilidade de que ambas as dúas partes cheguen a un acordo para dar por finalizado o litixio.

O equipo xurídico de González Amador xa anunciou en marzo que estaba a preparar unha querela contra a vicepresidenta primeira e ministra de Facenda por revelación de segredos, tras coñecerse publicamente algúns dos seus datos fiscais. Esa mesma semana, Ayuso denunciou que a súa parella é "un cidadán particular que está a ser asediado por todo o poder dun Estado" co obxectivo de buscar a súa "destrución persoal".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade