Publicador de contidos
Publicador de contidos

Unanimidade no Parlamento de Galicia para instar o Goberno a incluír Lugo e Ferrol na alta velocidade ferroviaria

Unanimidade no Parlamento de Galicia para instar o Goberno a incluír Lugo e Ferrol na alta velocidade ferroviaria

Pese ao acordo, os grupos intercambian acusacións: o PPdeG tacha a Puente de "soberbio" e a oposición, a Rajoy de "esquecer Galicia"

G24.gal 23/10/2024 12:17

O Parlamento de Galicia acordou por unanimidade instar o Goberno central a "garantir" o acceso de Lugo e Ferrol á alta velocidade ferroviaria en base a unha proposición non de lei presentada polo grupo popular.

A PNL votouse este mércores e conseguiu o apoio unánime da Cámara, a pesar de que durante o seu debate na tarde do martes, os grupos parlamentarios intercambiaron acusacións pola situación dos servizos e infraestruturas ferroviarias en Galicia.

Así, a deputada do PPdeG, Elena Candia, acusou o ministro de Transportes, Óscar Puente, de "soberbio" ao asegurar que o tren vive "o mellor momento da súa historia en España", preguntándose a deputada se "Ferrol e Lugo forman parte de España".

A oposición, pola súa banda, rebateu que foron gobernos do Partido Popular, centrándose especialmente no liderado por Mariano Rajoy, os que "paralizaron" as obras do AVE a Galicia.
Candia ironizou con que xa non se trata de "pedir máis", senón de que "non quiten o que xa se tiña". Así, citou algunhas das frecuencias e servizos que se eliminaron entre Lugo e Ferrol. Concretamente, sinalou que en Lugo saían 15 trens en 2001 "e hoxe non chegan a seis".

Fíxose un "esforzo", recoñeceu, grazas á colaboración de diferentes institucións, para dotar á cidade amurallada dunha estación intermodal, pero, como asegurou, "de pouco serve un edificio vangardista se dentro non hai trens".

A parte máis rebatida pola oposición foi a defensa feita por Candia da política ferroviaria de Mariano Rajoy, da que lembrou que impulsou un plan que incluía a construción de variantes para conectar coa alta velocidade cun investimento de máis de 1.500 millóns de euros. Un investimento, censurou, que o Goberno de Pedro Sánchez reduciu a "pírrica cantidade" de 500 millóns de euros. 

"Memoria selectiva" para o PSdeG

A este respecto, o deputado socialista Carlos López Font acusou aos populares de ter "memoria selectiva" e lembrou que no mapa popular do AVE para Galicia "non figuraban nin Lugo nin Ferrol".

"Rajoy, nos sete anos que estivo na Moncloa, non investiu nin un euro na modernización da liña ferroviaria Lugo-Monforte-Ourense. Pero aínda hai algo peor que non investir. O Goberno de Rajoy paralizou as obras do AVE a Galicia. E fíxoo dunha forma irregular, como deixou constancia o propio Tribunal de Contas", sinalou.

Respecto a Puente, Font considera que aos populares moléstalles o "estilo directo" do ministro e "as súas verdades sobre a historia do PP" e afea o que tacha de "numeriños" do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, sobre os atrasos dos servizos ferroviarios -en referencia ao vídeo subido polo presidente autonómico a redes sociais nun tren avariado en Ourense-.

BNG reivindica o seu papel nos avances feroviarios 

Pola súa banda, o deputado nacionalista Luis Bará expresouse en termos similares e encomiou o "valor" dos populares para "falar de discriminación ferroviaria" cando "o PP é o principal responsable deste abandono xunto co PSOE".

"Levan gobernando a medias os últimos 30 anos", apuntou. Así, lembrou entre outros aspectos, que o expresidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "prometeu" o tren Ourense-Lugo en 2009, "que ía facer con fondos da Xunta e que lle ía pasar a factura ao Goberno central". "E xa non vou falar desa enciclopedia de mentira que foi o Plan Galicia", comentou, lembrando que hai variantes "en estudo" desde 1999.

Bará abordou tamén a situación da liña que une A Coruña e Ferrol, que sofre unha "escandalosa exclusión" do Eixo Atlántico, cunha área urbana con 652.000 habitantes "e que ten o peor tren de media distancia de todo o Estado". 

"Temos unha liña de 70 quilómetros que ten catro frecuencias diarias e que tarda hora e cuarto en chegar. Non me estraña que se estea quedando sen usuarios con esas prestacións", afirmou, apuntando ademais que xa se realizaron sete estudos informativos "sen que se puxo o primeiro traveseiro".

Por iso, presentaron unha emenda -que finalmente non foi aceptada- para que a Xunta de Galicia cre o 'ente ferroviario galego', previsto no Estatuto. Por último, reivindicou o papel do BNG nos avances que experimentou Galicia nos últimos anos en materia ferroviaria. "Despois desta parálise, nos últimos tempos tivemos algunhas noticias favorables grazas a que o BNG puxo no acordo de investidura o Plan de Mellora das Infraestruturas Ferroviarias de Galicia, con actuacións concretas que se están levando a cabo e que van beneficiar a estas dúas liñas", explicou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade