Publicador de contidos
Publicador de contidos

Unha avaría causa atrasos xeneralizados na rede ferroviaria galega

Unha avaría causa atrasos xeneralizados na rede ferroviaria galega

Un fallo eléctrico na estación deixa non operativa a estación da Coruña ata media mañá

Demoras de ata tres horas e queixas dos usuarios por falta de información de RENFE

Antón Montero 11/01/2024 20:43 Última actualización 11/01/2024 21:09

Xornada de caos a deste xoves nas estacións de tren galegas. Unha avaría eléctrica na Coruña desencadeou unha sucesión de atrasos que afectou a toda a comunidade. 

"O tren das sete da mañá aínda sen saír", dicía dúas horas máis tarde unha muller na estación de San Cristovo. 

Coma ela, centos de pasaxeiros asistían impotentes a unha avaría que desde primeira hora impedía a saída ou chegada de trens.

Os operarios explicaban a viva voz o problema: "Hai unha avaría eléctrica, non sae nin entra ningún tren".

"Tampouco hai megafonía?".

"Non funciona a megafonía".

Entre os pasaxeiros medraba o desconcerto ante a falta de información e de alternativas.

"Por agora non saben nada, nin cando se vai arranxar nin nada. Tampouco nos poñen autobuses", dicía unha moza.

"Busquen alternativas, di, desculpen as molestias e acabouse", lía un home no correo electrónico que lle acababa de enviar Renfe.

Coa estación bloqueada, Renfe comeza a transbordar pasaxeiros en autobús ata o apeadoiro de Uxes, en Arteixo, a oito quilómetros da cidade.

"Atopamos o bus para vir, non sabiamos nada, os revisores non sabían nada, e aquí estamos, en Uxes, collendo o tren para Santiago", conta un estudante.

Ata as once da mañá, non se restableceu a circulación en dúas das seis vías da estación coruñesa. Unha terceira entrou en servizo pola tarde.

Pero os atrasos xa se estenderan por boa parte da rede ferroviaria galega. O tren procedente de Vigo que debía chegar a mediodía facíao unha hora e cuarto máis tarde. E os que saían da Coruña para estar en Ourense ás nove fixérono tres horas e media máis tarde.

"Os das 8 da mañá, tres horas, catro horas de atraso", dicía unha viaxeira ao chegar á cidade das Burgas.

Os atrasos trastornaron a xornada de moitos dos viaxeiros. Un mozo conta: "Perdín a reunión, o meu día de traballo non serviu".

Outra explica que no seu vagón "había xente que tiña que facer exames e non chegaban e tiveron que pedrille xustificantes a Renfe".

E unha muller conta: "Tiña unha cita ás dez da mañá en Vigo e agora a ver se me atenden".

Pola tarde, as demoras persistían.

"Tiven atraso pola mañá e agora pola tarde para volver", relataba unha muller. Ao seu lado, un home lamentaba: "Tiñamos que saír ás 6 e ata as 7 non imos saír".

Renfe achaca o problema a un corte na subministración eléctrica que anulou o sistema de sinalización da estación da Coruña. Responsabilizan a empresa subministradora. Pero Naturgy nega a existencia de avaría ningunha e di que o problema estivo no sistema eléctrico interno da estación, que depende do Adif. 

O administrador de infraestruturas ferroviarias informa de que xa se recuperou a subministración, pero que os atrasos acumulados impedirán que a situación se normalice durante o xoves.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade