Publicador de contidos
Publicador de contidos

Unha bóla de luz ilumina o ceo de Galicia e percíbese en varios puntos da península

Unha bóla de luz ilumina o ceo de Galicia e percíbese en varios puntos da península

O obxecto, de tons azulados e verdosos, viuse de madrugada en distintas localidades españolas e no norte de Portugal 

Segundo as análises preliminares, é de orixe cometaria e entrou  na atmosfera a 161.000 quilómetros por hora

G24.gal 19/05/2024 03:24 Última actualización 19/05/2024 10:03

Unha bóla de luz iluminou esta noite o ceo de Galicia. Cruzouno a toda velocidade, deixando unha estampa semellante ao amencer con tons azulados e verdosos.

Segundo contaron moitos oíntes do programa Pensando en ti fin de semana da Radio Galega, fíxose de día en plena madrugada, arredor das 00:45 horas.

Moitas persoas foron testemuñas deste fenómeno, que se converteu nun dos temas estrela nas redes sociais, que se encheron de vídeos tomados en diferentes puntos de España e Portugal.

Segundo o xornal luso Público, o obxecto puido caer como meteorito na zona de Castro Daire, no centro de Portugal. 

Tamén se avistou noutros puntos da Península Ibérica e os servizos de emerxencia de varias localidades de Andalucía, Castela-A Mancha, Estremadura ou Madrid recibiron chamadas preguntando pola bóla de luz.

Rexistro 

O Observatorio de Calar Alto, en Gérgal (Almería), foi unha das instalacións científicas que rexistrou o paso durante a madrugada deste domingo dunha "bóla de lume enorme" sobre España e Portugal.

Segundo indica nunha nota, o paso desta "bóla de lume realmente grande", rexistrado e compartido a través das redes sociais, cruzou os ceos de ambos os dous países ao redor das 00:46 horas.

Puido rexistrarse cos detectores que o Proxecto Smart opera nos observatorios de Calar Alto (Almería), La Hita (Toledo), Huelva, Sierra Nevada e La Sagra (Granada), Sevilla e Marçà (Tarragona).

Segundo a análise preliminar levada a acabo polo profesor José María Madiedo (Instituto de Astrofísica de Andalucía IAA-CSIC), investigador principal deste proxecto, este obxecto tivo unha orixe cometaria, e entrou na atmosfera a unha velocidade de 161.000 quilómetros por hora.

A altitude inicial da parte luminosa do evento foi de 122 quilómetros, e finalizou a unha altitude de 54 quilómetros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade