Unha cadela raptada en Coristanco despréndese da cadea e acaba volvendo á súa casa
Unha cadela raptada en Coristanco despréndese da cadea e acaba volvendo á súa casa
O raptor despoxou a Dana do seu colar con GPS e púxolle outro, pero o animal conseguiu zafarse en menos de vinte horas
Eva Cameán Pensado é unha veciña do concello de Coristanco que leva vivido horas de emocións intensas e contrapostas desde que alguén raptou a súa cadela, Dana, este luns.
O achado do colar con localizador GPS que levaban o animal impulsouna a tratar de localizala a través das redes sociais.
"Perdemos o rastro do GPS a un par de quilómetros da nosa casa e, cando imos alí, o que vemos é que está tirado o colar co GPS na beira da estrada. E ela, evidentemente, non pode quitar o colar soa. Daquela xa intuímos que alguén lle quitou o colar e a levou", explica Eva.
É unha cadela que adoptaron Eva e a súa parella tras encontrala en moi mal estado en medio dun temporal. Aí renaceu adquirindo o nome de Dana e, desde entón, polo que se ve, leva varios meses de vida feliz na súa nova familia, da que non deixou que arrincaran. E entre as moitas chamadas que tivo Eva de que alguén vira a Dana, á primeira hora da mañá deste martes chégaballe a certa:
"Chamáronnos con que estaba a uns seis quilómetros da casa, cun colar diferente. É dicir, que alguén llo puxo. E vese que ela foi capaz de escapar da persoa que a levou e andaba pola estrada, entre os coches".
Co subidón de alegría polo reencontro con Dana, Eva preparábase para unha xornada na súa libraría de Carballo... iso si, agora acompañada pola súa cadela:
"Estás como un pouco en shock, porque foi todo en poucas horas. Ademais tivo moita repersución, porque a coñece moita xente. Eu, emocionada. E ela, coma se nada, tan tranquila".
O encontro remata con Eva lembrándonos que hai moitos cans acollidos en refuxios e protectoras para adoptar sen necesidade de privar a alguén da mascota que xa é integrante dun fogar.