Unha empresa aplica drons para aforrar auga nos cultivos agrícolas
Unha empresa aplica drons para aforrar auga nos cultivos agrícolas
O seu obxectivo é mellorar a regadura cunha avaliación desde o aire das necesidades hídricas de cada parcela
Os cálculos do aforro co uso de drons cífranse en arredor do 30 % da auga
A escaseza de recursos hídricos está a xerar alternativas innovadoras. Unha empresa de Leganés traballa cos seus propios drons, con información satelital e con datos agroclimáticos propios de cada zona. Todo iso para mellorar o uso da auga nos cultivos agrícolas co seu sistema exclusivo:
"É capaz de dar unha recomendación hídrica aos agricultores mellorando e optimizando os recursos hídricos. Somos capaces de obter uns aforros de ata un 30 % nas doses de rega dos agricultores", asegura Roberto Hermoso, director de Innovación de UTW.
Entramos no territorio da denominada agricultura de precisión, que tenta rendibilizar a produción sen desperdiciar recursos. Esta empresa traballa con distintos tipos de drons:
"Temos drons multicópteros que quizais se adaptan máis a parcelas máis pequenas e drons de á fixa con maior autonomía que nos permiten voar ata en cen hectáreas nunha hora". especifica Hermoso.
Estes aparellos levan unha cámara multiespectral, visual e térmica que determina as diferentes calidades da terra nunha mesma área de territorio. Iso implica distintas necesidades de auga nunhas poucas hectáreas:
"As informacións que che están dando os drons e o satélite estanche dicindo que unha parcela ten máis necesidades ca outra. Entón non vas regar igual as dúas parcelas cando unha ten máis necesidades ca a outra. Podes aforrar esas horas de rega que se traducen en enerxía e en gasto", explica unha das responsables deste proxecto.
A empresa conta cunha plataforma informativa. Cobran 20 euros ao mes polo seguimento das primeiras 20 hectáreas, pero coas subvencións existentes este recurso pode acabar resultando gratuíto.