Unha empresa galega vende xeados e iogures para mascotas en 22 países
Unha empresa galega vende xeados e iogures para mascotas en 22 países
Os produtos lácteos para cans e gatos carecen de graxa, azucre e lactosa
Fan xeados de touciño, polo e mazá e salmón
A empresa gañou o Premio Galicia Alimentación na categoría de internacionalización
Os creadores dos xeados para cans comezaron a traballar no seu proxecto hai tres anos. Viñan do sector lácteo e decidiron darlle unha volta ao seu traballo. Apostaron por seguir cos produtos lácteos, pero para mascotas.
"Vimos a oportunidade desde Galicia, que é unha das sete zonas de produción láctea máis importantes de Europa, de facer proxectos para cans e gatos de produtos lácteos. O noso primeiro produto foi un iogur adaptado ás súas necesidades: sen graxa, nin azucre nin lactosa. Non necesita frío. É fácil de dar, directamente na boca, mesturado co penso ou nun xoguete", di Pablo Gómez, CEO de YowUp.
Tras o éxito dos iogures, ampliaron a súa oferta con outro produto para mascotas.
"Este ano sacamos un produto novo, un xeado que ten unha base láctea, sen graxa, sen azucre e sen lactosa, con poucas calorías e con sabores pensados para eles: touciño entrefebrado, polo e mazá e salmón, que lles encantan".
Grazas a estes proxectos, gañaron un galardón que recibiron con moita ilusión.
"Non é doado sacar unha empresa desde Galicia, desde Poio, e a verdade é que estamos facendo un bo labor de internacionalización. Non é fácil estar en dous anos en 22 países, queremos acabar o ano en 30 países e isto sempre nos axuda e motiva a todo o equipo, xa somos cinco persoas traballando a tempo completo neste proxecto, a seguir adiante".
Seguir adiante con novos produtos porque, xa avisan: hai outros lácteos para consumo humano que poden adaptarse ás necesidades de cans e gatos. A familia de lácteos para mascotas pode aumentar no futuro.