Unha familia de Caldas queda "co posto" por un incendio no seu piso
Unha familia de Caldas queda "co posto" por un incendio no seu piso
O lume comezou de madrugada por un posible curtocircuíto cando tres irmáns adolescentes durmían
O Concello busca unha vivenda para realoxar a nai cos tres fillos
As imaxes gravadas por un dos afectados dan conta do nerviosismo do primeiro impacto, cando entran na vivenda para comprobar os danos. Perderon canto tiñan, segundo relata o propio mozo.
"Está estragado por dentro, nin roupa, nin nada. Nada! Tiña roupa e saquei algo nunha cadeira que tiña onda o meu cuarto. É o que levo posto".
Dentro, durmían os tres fillos adolescentes dunha muller que hoxe non atopa consolo. Cando se decataron do lume, pouco máis puideron facer que poñerse a salvo. Decatouse o fillo maior.
"Cando fun, xa estaba todo en lapas, moito fume e xa era moi tarde para salvar calquera obxecto de valor. Estaba en shock. Non sabía que facer, literal".
Hai danos tamén nas vivendas máis próximas, pola carga das lapas, pero tamén pola fumareda negra e pola auga que, segundo explica David Torres, o voceiro de Protección Civil de Caldas, foi moita.
2Houbo que empregar moitísima auga porque no interior acadouse moita temperatura. De feito, o piso segue precintado porque aínda hai moita temperatura no interior. Había moita roupa amoreada, que lle botabas auga e non dabas apagado. Imposible apagar con tanta roupa".
No desaloxo, viviuse un momento de especial angustia, como recorda unha das veciñas.
"Levamos un susto terrible porque ademais o veciño do quinto quedou atrapado nun cuarto. Tiveron que ir os bombeiros. Estamos como en shock".
A investigación está en marcha, pero todo apunta a un curtocircuíto. O Concello xa está xestionando unha vivenda para realoxar a familia.