Unha familia de Ourense queda sen casa na véspera da Noiteboa por un incendio
Unha familia de Ourense queda sen casa na véspera da Noiteboa por un incendio
O lume iniciouse detrás dun armario, nun edificio no barrio ourensán do Couto
Na vivenda estaba un pai cos seus fillos, que lograron saír a tempo
O fume obrigou a confinar a veciñanza de varios pisos
O lume empezou detrás dun armario, aparentemente un curtocircuíto, no terceiro andar dun edificio da rúa Vila Real. Os seus habitantes, unha familia con nenos pequenos, non poderán volver ata que interveña a policía científica e se reparen os danos.
"Arderon completamente o armario e a habitación onde se iniciou o lume. E hai bastantes danos por fume", explica Amancio Rodríguez, cabo do Servizo de Extinción de Incendios.
O fume expandiuse polo resto do edificio. Josefa, do quinto, pasou a noite limpando.
"Saquei sete caldeiros de auga con cinza da casa. Non podía tocar en ningures".
Durante as preto de tres horas que durou a extinción do lume vivíronse momentos de tensión entre a veciñanza. No edificio hai 14 vivendas.
"A berros, que tiñamos a casa chea de fume e que ela -a súa sogra- non podía saír. Xa viñemos e atopamos isto. Non nos deixaron subir".
"Non puidemos saír ata que viñeron os bombeiros, porque cando tentei saír da casa cos nenos había unha fumareda bastante negra".
Os veciños que ían chegando despois de que se declarara o incendio, non podían entrar, e os que estaban dentro, non podían saír, confinados para evitar intoxicacións por fume.
"Eu e o canciño. Ao can púxenlle unha mantiña e púxeno na ventá porque non respiraba", sinala Josefa.
Mesmo tiveron que empregar a escaleira para accederen a unha das vivendas, ante o temor de que houbese alguén atrapado. Finalmente, todo quedou nun susto, salvo para unha mascota, un gatiño que non conseguiron rescatar a tempo.