Publicador de contidos
Publicador de contidos

Unha incidencia provoca atrasos nos trens de alta velocidade que conectan con Madrid

Unha incidencia provoca atrasos nos trens de alta velocidade que conectan con Madrid

Os convois con orixe ou destino Chamartín sufriron atrasos desde primeira hora da tarde por un problema que afecta a electrificación das vías

A incidencia solucionouse ás oito e media da tarde

Xente afectada polos atrasos na estación de Chamartín (Adif)
G24.gal 20/08/2024 18:43 Última actualización 20/08/2024 22:18

Os trens de alta velocidade con orixe ou destino na estación madrileña de Chamartín sufriron atrasos desde primeira hora da tarde por unha nova incidencia que afecta á electrificación das vías, entre eles varios que partían ou chegaban a Galicia.

Un tren Alvia entre Vigo e Madrid foi unha das conexións afectadas pola incidencia técnica rexistrada á primeira hora da tarde na estación madrileña de Chamartín-Clara Campoamor. Segundo confirmaron fontes de Renfe, o tren que saíu da estación viguesa de Urzáiz chegou ao seu destino con 65 minutos de demora debido a esa incidencia.

Tamén chegou con máis dunha hora de atraso un AVE procedente de Ourense, mentres que un Alvia que partiu de Ferrol farao con máis de 21 minutos de demora.

Por outro lado, o procedente desde Madrid que debería chegar á Coruña ás 22:42 ten previsto facelo con máis de 40 minutos de demora, segundo figura na aplicación de Renfe.

"Por unha incidencia que afectou a electrificación, os trens de alta velocidade con orixe ou destino Madrid Chamartín-Clara Campoamor rexistraron atrasos. Persoal de Adif traballa xa para solucionala no menor tempo posible", indicou Infoadif nunha mensaxe das 16:40 na rede social X.

Fontes do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif), entidade que depende do Ministerio de Transportes, explicaron a EFE que a incidencia, que se iniciou ás 15:35, afectou tres vías de alta velocidade de Chamartín, polo que quedan outras cinco vías operativas para este tipo de trens.

As fontes explicaron que a incidencia afecta a trens de alta velocidade da liña Madrid-Levante (Valencia, Alacante e Murcia), e Madrid-Norte, incluíndo Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco. Os trens de alta velocidade a Cataluña saen da estación de Atocha, polo que non se viron prexudicados pola avaría.

Ata as 6 da tarde víronse afectados seis trens, con atrasos medios de entre 30 e 40 minutos, segundo as mesmas fontes.

Segundo, indicou Adif no perfil de X, a incidencia xa foi solucionada é a circulación tende a normalizarse.

Ás 20:35 recuperouse a tensión nas tres vías afectadas e restableceuse a circulación nelas, atopándose operativas todas as oito vías de alta velocidade de Madrid-Chamartín, segundo informaron fontes de Adif, que engadiron que progresivamente se irá normalizando o tráfico.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade