Unha mostra na capital luguesa leva os visitantes ás orixes da sétima arte

A Fundación La Caixa organiza Empeza o espectáculo. Georges Méliès e o cine de 1900

Félix Aragunde 20/11/2023 20:30 Última actualización 20/11/2023 20:46

O autor de clásicos populares como A viaxe á Lúa, o pioneiro Georges Méliès, centra unha exposición de 200 metros cadrados instalada en Lugo. Ademais de ver parte da súa obra, o público pode coñecer o proceso de elaboración artesanal dos efectos especiais dos seus filmes.

Os visitantes poderán viaxar no tempo a través desta mostra que recrea unha barraca de comezos do século XX. Farano aos anos en que o cine se converteu nunha atracción popular que tiña máis que ver coa maxia e co ilusionismo que coa sétima arte que coñecemos hoxe en día.

Celia Castro, profesora de Historia da Fotografía: "Paréceme moi necesaria porque Méliès é un referente para a historia do cine. Ten moito de ilusionismo, dado que o cine nace como un espectáculo de masas. Incluso nin se pensou que chegaría nunca a onde chegou".

A exposición réndelles homenaxe aos inicios do cine, entendido como un espectáculo que creaban os artistas e que exhibían os feirantes como divertimento para os espectadores alí por onde pasaban.

Organizada pola Fundación La Caixa en colaboración co Concello de Lugo, a mostra Empeza o espectáculo. Georges Méliès e o cine de 1900 poderá visitarse na céntrica praza da Horta do Seminario ata o vindeiro 9 de decembro.

Fotograma de 'O melómano', de Georges Méliès Fotograma de 'O melómano', de Georges Méliès
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade