Unha moza denuncia que lle pediron ensinar o escote para traballar como camareira
Unha moza denuncia que lle pediron ensinar o escote para traballar como camareira
A denuncia fíxose viral nas redes sociais a través da conta @soycamarero, que denuncia abusos na hostalería
Génesis García, estudante dun grao superior de Educación, necesitaba traballo a tempo parcial e decidiu buscalo como camareira, a través das redes.
Ao anuncio respondeu un presunto hostaleiro. A moza non podía crer o que estaba escoitando: "Dime se tería problemas en traballar con escote. Eu quedo un pouco... perdón?".
Génesis explica que a conversa comezou por teléfono. Logo nas redes, o home insistiu en pedirlle unha foto.
Génesis explica que lle mandou "unha foto normaliña. De feito levo colo alto na foto que lle envío. Pero el insiste en que o que máis se valora é o escote. Se podes pasarme o teu Instagram e alí vexo as fotos. O último que me pide é o currículo".
E ante ese requisito, o de ensinar o escote, Génesis reaccionou cun non. Para servir cafés, díxolle, non hai que ensinar moito. A historia fíxose viral a través dun portal especializado en denunciar malas prácticas na hostalería.
Detrás do perfil @soycamarero está Jesús Coto. Di que piden "fotos, máis lixeira de roupa. Directamente cando non teñen bo tipo non as contratan, que vaian con tacóns, moi arranxadas".
Ofertas sexistas que se dan non só na hostalería. Un xuíz obrigou a un tanatorio de Huelva a readmitir unha traballadora que despediran por negarse a levar saia e tacóns de 9 centímetros.