Unha muller de 90 anos con alzhéimer, a salvo despois de que un incendio calcinara a súa vivenda
Unha muller de 90 anos con alzhéimer, a salvo despois de que un incendio calcinara a súa vivenda
Foi un fillo quen conseguiu sacala da vivenda calcinada sen danos
Unha muller de noventa anos, enferma de alzhéimer, quedou sen casa e sen todas as súas pertenzas nun incendio provocado supostamente por un curtocircuíto, no concello ourensán da Merca. Foi un fillo quen conseguiu sacala da vivenda calcinada sen danos.
Foi o fume intenso o que alertou á veciñanza da aldea de Vilachá. Pastora e a súa familia, foron os primeiros en chegar correndo ao sentir berros e choros que viñan desta casa. A casa, din, ardía como un inferno e a muller que se negaba a saír por sorte non ardeu dentro tamén, engaden.
Cando chegaron os bombeiros, a muller estaba a salvo porque o fillo deuna sacado pero a casa xa estaba practicamente calcinada. A familia perdeu todo no lume que se iniciou, sospeitan, por un curtocircuíto. As lapas afectaron tamén ás construcións lindeiras. O Concello da Merca ofreceulles unha vivenda social que ten dispoñible, pero de momento están a vivir cuns familiares.