Unha nai e a súa filla morren ao bater contra un camión en Cambados
Unha nai e a súa filla morren ao bater contra un camión en Cambados
O turismo invadiu o carril contrario e chocou contra o vehículo pesado
As dúas vítimas eran veciñas de Vilagarcía de Arousa
Unha nai, de 42 anos de idade, e a súa filla, de oito, faleceron en Cambados ao colidir o seu coche contra un camión cisterna na VG-4.3, a vía de alta capacidade que une este concello con Vilagarcía de Arousa. Ocorreu no quilómetro 1, á altura da parroquia de Vilariño.
Eran pouco antes das nove e media da mañá cando o BMW que conducía a muller invadiu o carril contrario para acabar batendo contra o vehículo pesado. A violencia do impacto foi tal que o motor do turismo saíu desprendido varios metros fóra da estrada.
Os equipos de emerxencia tiveron que rachar a chapa do vehículo para poder acceder aos corpos das vítimas, que faleceron no lugar do sinistro. Nai e filla residían na localidade de Vilagarcía de Arousa. A muller ten outra filla de 6 anos.
Velocidades axeitadas
O condutor do camión, que saíu ileso, deu negativo nas probas de alcohol e drogas. Segundo fontes da investigación, as velocidades eran axeitadas e a menor viaxaba no asento de atrás nunha cadeira de retención. Ambas as dúas levaban o cinto posto.
O concello de Vilagarcía de Arousa expresou publicamente as súas condolencias á familia das dúas veciñas de Sobradelo que "perderon a vida de xeito tan tráxico".