Publicador de contidos
Publicador de contidos

Falece a muller embarazada de Castelló que recibira un disparo na cabeza

Falece a muller embarazada de Castelló que recibira un disparo na cabeza

A vítima, veciña do municipio castellonenco da Vall d'Uixó, non conseguiu superar as feridas sufridas

Os equipos de urxencias conseguiron salvar a vida do bebé cunha cesárea

O disparo produciuse durante unha disputa na rúa entre varias persoas e a investigación descarta que se trate dun caso de violencia machista

Entrada do servizo de urxencias do hospital de Valencia onde ingresou a vítima
G24.gal 14/02/2023 10:11 Última actualización 14/02/2023 14:07

Unha muller de 27 anos nun avanzado estado de xestación falceceu esta mañá nun hospital de Valencia ao que fora trasladada de madrugada cunha ferida de bala na cabeza. O bebé conseguiu sobrevivir. 

A vítima, de nacionalidade lituana, era veciña do municipio castellonenco da Vall d'Uixó. A muller, nada máis ser trasladada ao hospital, foi sometida a unha cesárea para salvar o bebé, que permanece ingresado e estable no centro, segundo informou a Consellería de Sanidade.

O suceso coñeceuse ás 23:10 horas deste luns, cando o centro de saúde da Vall d'Uixó alertou de que chegara unha muller embarazada cunha ferida por arma de fogo. 

Segundo transcendeu, o disparo produciuse durante unha liorta na rúa entre varias persoas. Fontes municipais informaron á Axencia EFE de que o suceso ocorreu no barrio Carbonaire, onde se iniciou unha discusión e pelexa na rúa na que participou un grupo de persoas. Finalmente efectuouse un disparo que impactou na cabeza da muller.

Mobilizouse unha ambulancia do Servizo de Asistencia Médica de Urxencias (SAMU) e outra de soporte vital básico, cuxo equipo médico, tras diversas manobras, estabilizou a muller, quen despois foi trasladada ao Hospital Clínico de Valencia.

A Garda Civil de Castelló fíxose cargo da investigación, en que se manteñen todas as hipóteses abertas. Polo momento non se practicou ningunha detención. Os investigadores descartan que se trate dun caso de violencia machista.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade