Unha porca celta de Vilalba pare 19 crías, máis do dobre da media
Unha porca celta de Vilalba pare 19 crías, máis do dobre da media
O seu dono cualifica o parto de "milagre de Noiteboa"
Outra cocha trouxo outros 10 ranchos na mesma noite
Un, dous, tres, catro..., e así ata 19. Foron os ranchos que deu a luz unha porca parideira durante a Noiteboa. Unha cifra totalmente desorbitada tendo en conta que a media da raza celta é de oito crías por parto. Baste dicir que a cocha só ten 14 tetos, polo que cinco das crías non teñen onde mamar.
O seu propietario tivo a sorte de que na mesma noite outro animal trouxo 10 crías e puido repartir entre as dúas nais. Todo un milagre de Noiteboa.
E é que esta terra ten que ter algo especial. Aquí viviu tamén o mítico Cesáreo, un semental que deixou como descendencia máis de 200 fillos e que foi indultado. Agora os 29 ranchos que naceron en Noiteboa van pasar 45 días mamando das dúas nais e aló para xuño estarán listos para ser vendidos.
Máis aló da selección xenética, Saúl non fixo nada especial para que as camadas saíran tan prolíficas. Ademais, non era o primeiro parto que tiñan as nais.
Ata hai pouco, o porco celta estaba en perigo de extinción. Pero con partos como o desta Noiteboa, o futuro semella máis que garantido.