Unha quenlla solraio avístase por primeira vez nas costas galegas
Unha quenlla solraio avístase por primeira vez nas costas galegas
O exemplar é unha femia de máis de tres metros, que foi capturada accidentalmente por uns pescadores na ría de Arousa e que aínda que a liberaron acabou falecendo
O quecemento dos océanos podería ter que ver coa presenza do animal, máis propio de augas temperadas
Os científicos da CEMMA analizan os restos do tiburón para coñecer a causa da morte e obter datos desta especie pouco coñecida
Quedábanlle poucas horas de vida cando foi gravada, onte á tarde, na beira da ría máis próxima á praia do Terrón, en Vilanova de Arousa, xunto á ponte que vai á Illa de Arousa. Previamente quedara atrapada nas redes dun barco de pesca e, aínda que a liberaron, volveu cara a dentro da ría, quedou varada na baixamar e morreu.
A primeira quenlla solraio avistada en Galicia é unha femia, mide preto de tres metros e medio e, á falta de pesala, supera os 200 quilos seguro. Os científicos da CEMMA cualifican o avistamento: "Moi, moi importante", explica Xabier Pin, veterinario da coordinadora. "Son os primeiros rexistros que imos ter desta especie e van axudar moito máis para a súa comprensión", engade.
A súa compañeira oceanógrafa, Uxía Vázquez, engade que "é un pouco rara e polo de agora non temos moitos datos dela, si se coñece por exemplo que nas Canarias hai unha poboación".
Por iso, a súa presenza aquí podería ter que ver co cambio climático. Vázquez explica que "pode ser polo quecemento das augas, hai animais que empezan a chegar porque poden vivir nestas augas que antes eran máis frías, ou pode ser por algún erro na súa migración, ou polas borrascas que poden achegalos á costa".
Agora, comeza un rigoroso traballo de toma de mostras que de seguro porá luz para ampliar o que se saben deste tipo de quenlla. "Imos coller mostras de todos os órganos e todas as probas irán ás súas analíticas correspondentes e con todos os datos tentaremos determinar a causa da morte", explica Pin.
Numerosos centros de investigación recibirán mostras para contribuír ao estudo deste habitante do medio mariño.
O regreso de Manoliño
O golfiño Manoliño volve aparecer nas rías galegas. O mamífero fíxose famoso o ano pasado por achegarse amigablemente aos bañistas. Unha conduta que se debe á separación do cetáceo da súa manda, ben por perderse ou por ser excluído dela. Os expertos aconsellan evitar a interacción co animal porque modifica a súa conduta. Xa aconteceu que causou problemas a mariscadores, aos que reclama atención constante e non lles deixa traballar. Tamén hai que lembrar que o contacto cos cetáceos é ilegal.