Publicador de contidos
Publicador de contidos

Unha residencia de maiores en Covelo rexistra un brote de sarna e activan os protocolos de control

Unha residencia de maiores en Covelo rexistra un brote de sarna e activan os protocolos de control

A Xunta di que hai "menos dunha vintena de casos"

As enquisas epidemiolóxicas non refiren casos entre os familiares dos traballadores afectados

(Europa Press/Arquivo) (Europa Press/Arquivo)
G24.gal 11/01/2025 15:51

A residencia da Fundación San Rosendo en Covelo (Pontevedra) rexistra un brote de sarna que obrigou á Xunta a activar os protocolos de control. Os afectados, segundo trasladou a Administración autonómica, son "menos dunha vintena".

Así o ratificaron as fontes da Consellería de Sanidade consultadas por Europa Press, que confirmaron que se traballa para controlar o brote, cuxa existencia avanzou nunha información este sábado Faro de Vigo, unha vez que este foi notificado a Saúde Pública.

O diario vigués publicou que había tanto residentes coma traballadoras e traballadores afectados, e a Xunta confirmou que, a día de hoxe, hai "menos dunha vintena de casos".

De acordo cos protocolos, está a realizarse o seguimento da evolución dos casos e dos seus contactos "estreitos", cumprindo o protocolo epidemiolóxico ata que se poida dar por finalizado o brote.

A Consellería trasladou que esta enfermidade non é a causa de ningún dos últimos falecementos rexistrados no centro xeriátrico e que as enquisas epidemiolóxicas non refiren casos entre os familiares das traballadoras e traballadores afectados.

A Dirección Xeral de Saúde Pública, en aplicación dos protocolos, deu as recomendacións para identificar os casos e os contactos, así como medidas preventivas, de contención e tratamento, e aos afectados administróuselles o primeiro ciclo do tratamento.

A próxima semana administraráselles o segundo ciclo do tratamento necesario. Do mesmo xeito, déronse indicacións e recomendacións para evitar novos contaxios.

Sobre a situación deste centro pronunciouse nun acto en Santiago a conselleira de Política Social, Fabiola García, quen asegurou que a Xunta foi informada "hai días" por parte da dirección do centro e activou os protocolos para facer fronte ao brote, que xa está "controlado".

Tras sinalar que os falecementos que se poidan rexistrar no centro estes días débense a "outros motivos" e non á enfermidade, asegurou que este tipo de "pequenos brotes" son "algo habitual" nos centros residenciais. Dito isto, recalcou que se traballa para "limitalo" ao máximo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade