Unha sentenza négalle a conciliación ao enterrador dun cemiterio de Lugo
O Xulgado do Social Número 3 de Lugo rexeitou a petición de adaptación de xornada do traballador cun fillo de tres anos
Un operario do cemiterio de San Froilán, en Lugo, levaba meses remitíndolle escritos á administración local. Neles pedía a adaptación da xornada para poder coidar do seu fillo, menor de doce anos.
"Como fun pai en 2022, ata o ano pasado puiden concilliar, pero non en 2024; cando nos cambiaron o horario, xurdiron os problemas. Agora ás tardes non podo atendelo, por ter xornada partida", di José Manuel Rozas, operario do cemiterio de San Froilán.
Pero unha vez analizada a súa solicitude, o Concello denegoulle ao enterrador a adaptación da xornada laboral. No camposanto prestan servizo media ducia de traballadores, e para levar a cabo os enterros precísanse cuadrillas formadas por catro persoas. Foi esta a argumentación para rexeitarlle a petición ao operario, que acabou denunciando o caso ante a Xustiza.
"Teoricamente, en cada enterro fan falta catro persoas, cando normalmente estamos tres. E incluso houbo baixas e non se cubriron, igual ca as vacacións e as libranzas, que tampouco se cubriron", di José Manuel.
Así e todo, o Xulgado do Social Número 3 de Lugo tamén lle negou ao traballador a conciliación familiar. Fíxoo con base en que o horario de mañás que pedía non se podía aceptar por motivos organizativos.
"Eu creo que nunha lei que che permite pedir a conciliación pero que logo, polo que sexa, poidan denegarcha, algo habería que cambiar", conclúe.
Agora o caso está pendente do recurso presentado no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.