Unhas 17.000 persoas viaxaron nos AVE Avril que conectan Galicia con Madrid na súa primeira semana
Unhas 17.000 persoas viaxaron nos AVE Avril que conectan Galicia con Madrid na súa primeira semana
En toda España, máis de 100.000 viaxeiros utilizaron os novos trens
En Galicia tiveron unha estrea marcada polos atrasos
Máis de 100.000 viaxeiros en toda España utilizaron os novos trens Avril desde a súa posta en marcha o pasado 21 de maio para conectar Galicia e Asturias con Madrid e tamén para prestar servizo nos corredores Madrid-Zaragoza-Barcelona-Figueres, a Comunidade Valenciana e Murcia. No caso de Galicia, 17.000 viaxeiros empregaron os novos servizos AVE, que conectan a comunidade autónoma con Madrid entre o 21 e o 28 de maio.
Na conexión con Galicia desde Madrid os novos Avril sufriron atrasos que tiveron lugar nos primeiros días da súa posta en marcha. Así, o primeiro día, o martes 21 de maio, o AVE Vigo-Madrid chegou á capital con máis de dúas horas de atraso tras un problema técnico. No segundo día de actividade houbo outra incidencia que implicou, nesta ocasión, un atraso de 18 minutos na súa chegada.
Segundo detallou Renfe nun comunicado, a alta demanda de viaxeiros nos novos S106 foi "notoria", o cal supuxo unha ocupación do 92 % durante os primeiros oito días da súa posta en servizo, en que programaron 176 servizos en todo o Estado.
Estes trens permitiron recortar tempos de viaxe e ofrecer máis de 500 prazas por tren, maior confort e mellores prestacións, asegura a compañía, que sufriu o atraso de máis de tres anos na súa entrega por parte de Talgo.
A posta en circulación dos novos trens S106 en Galicia xerou expectación pola chegada do servizo AVE a Vigo, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña e Vilagarcía de Arousa. Grazas á incorporación do novo material, Renfe ofrece máis de 39.000 prazas semanais no corredor Galicia-Madrid, o cal supón un incremento do 20,3 %.
Pola súa banda, o servizo AVE S106 iniciado en Asturias conecta Xixón con Madrid en 3 horas e 38 minutos (cunha redución de traxecto de 10 minutos), e Oviedo coa estación de Madrid-Chamartín Clara Campoamor en 3 horas e 6 minutos (cunha redución de 12 minutos de viaxe). Renfe pasa a ofrecer máis de 21.500 prazas semanais no corredor Asturias-Madrid, que se traduce nun incremento do 33,5 %.
O pasado 21 de maio, Renfe puxo tamén en circulación o tren de alta velocidade con maior capacidade dos que prestan servizo en España. Os novos Avlo S106, que circulan no corredor Madrid-Zaragoza-Barcelona-Figueres, Comunidade Valenciana e Murcia, teñen 581 asentos e, segundo Renfe, supoñen un "notable" aumento de prazas nos servizos ferroviarios de baixo custo da empresa, aínda que non o cuantifica.
Así, a alta capacidade do novo material vai supoñer un notable aumento de prazas e frecuencias dos servizos de baixo custo de Renfe entre Madrid, Zaragoza e Barcelona. Un incremento global do 17 % das prazas para todo o corredor.
Respecto á posta en marcha dos trens Avlo S106 na Comunidade Valenciana, increméntase en máis de 10.000 prazas os servizos Avlo que unen Valencia e Alacante con Madrid e cun AVE que conecta Castelló e Valencia con Xixón. Deste xeito, os Avlo que conectan a Comunidade Valenciana con Madrid ofrecen 35.000 prazas semanais.