Publicador de contidos
Publicador de contidos

Uns mandos a distancia activan os avisadores dos semáforos de Santiago

Uns mandos a distancia activan os avisadores dos semáforos de Santiago

As persoas con dificultades visuais poderán activar o son acústico para cruzar con seguridade tamén co móbil 

Polo de agora este sistema funciona en dez semáforos da cidade

G24.gal 04/03/2022 08:15

Só con pulsar un botón dun mando a distancia ou co móbil, as persoas con dificultades visuais poderán activar o avisador acústico dos semáforos en Santiago de Compostela. Un proxecto piloto que busca o equilibrio para seguir aumentando a seguridade dos peóns invidentes e reducir ao mesmo tempo os ruídos na cidade.

Deste xeito as persoas sen visión ou con dificultade visual poden cruzar os pasos de peóns regulados con semáforos na cidade de Santiago.

"Cando se acheguen ao semáforo e pulsen o botón dereito emitirá un sinal acústico que lle indica que sabe que esa persoa está alí e que cando o semáforo se poña en verde pode cruzar co son" explica José Antonio Riveiro, Director ONCE Santiago.

María Eva Chouza e o seu can guía Cheto é usuaria deste dispositivo dende hai tempo na súa cidade natal, en Cádiz. "Así conseguimos manter un equilibrio na cidade" di Eva, "as persoas con algunha discapacidade visual grave ou que sufrimos unha cegueira total, temos a posibilidade de cruzar un paso de peóns sen sufrir ningún tipo de perigo". Ao mesmo tempo que tamén se reducen os ruídos na cidade. 

Pois con este mando a distancia activarase o son acústico só nos casos en que sexa preciso. Empregando o mando ou o propio móbil dos usuarios e activando o bluetooth do dispositivo. "O que vai facer é que cando esa persoa se acerque ao semáforo, este entenderá que unha persoa con dificultades visuais precisa que o semáforo a avise para poder cruzar" explica José Antonio.

En total, o Concello entregoulles dez mandos como este a persoas con discapacidade visual en Santiago, pero a ONCE adquiriu máis, que serán entregados de balde para os afiliados que os soliciten. Recibirán ademais apoio para resolver as súas dúbidas.

Polo de agora funciona nunha decena de semáforos da cidade, con maior tránsito e onde máis queixas había polo nivel de ruídos. Con todo, non se desbota que se estenda aos demais pasos de peóns regulados con semáforo de Santiago e doutras cidades galegas.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade