Utilizan cabras e vacas para manter limpa a contorna do tendido eléctrico
Utilizan cabras e vacas para manter limpa a contorna do tendido eléctrico
Evitan así o uso de maquinaria contaminante e reducen o risco de incendios
Os gandeiros reciben compensacións das compañías eléctricas polo servizo
Cada ano, as empresas eléctricas destinan milleiros de euros a manter limpas as zonas de monte polas que pasan as liñas. Agora o proxecto Pastando en REDe substitúe a maquinaria e operarios deses traballos por cabras e vacas. Os animais comen a maleza que hai debaixo dos tendidos e evitan así que máquinas de gasóleo agresivas co medio operen nos montes.
Ademais, a acción dos ruminantes serve para evitar incendios e favorece a biodiversidade ao realizar unha fertilización directa e unha selección natural de especies vexetais. Os criadores de razas máis rústicas, como a cabra galega, teñen así unha nova fonte de alimento para o seu gando e, ademais, reciben unha compensación económica por parte das empresas eléctricas.
A fixación de carbono, o enriquecemento dos solos menos produtivos ou a promoción do pastoreo son outras vantaxes deste proxecto, ademais da mellora da subministración de electricidade.