Valentín González Formoso e Adrián Barbón abordan os retos comúns de Galicia e Asturias
Valentín González Formoso e Adrián Barbón abordan os retos comúns de Galicia e Asturias
O financiamento autonómico, as melloras ferroviarias e a crise de enerxía foron algúns dos temas tratados
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, recibiu no pazo provincial o presidente do Principado de Asturias, Adrián Barbón, que estes días visitou Galicia polas celebracións realizadas polo Centro Asturiano na cidade herculina.
Formoso comezou o acto sinalando que “Asturias é unha comunidade irmá, veciña” que afronta uns retos similares aos dos galegos e que poden ter solución se “todos os que nos preocupamos polo benestar dos veciños e veciñas, traballamos en rede”.
A loita contra o despoboamento, as melloras nas conexións ferroviarias e o financiamento autonómico foron os principais temas tratados. Formoso e Barbón abordaron tamén o escenario enerxético actual. Neste eido, os dous destacaron o papel de liderado de Galicia e Asturias como “parte da solución que España e Europa necesitan”.