Valentín González Formoso: "Page debería falar nos órganos internos do partido"
Valentín González Formoso: "Page debería falar nos órganos internos do partido"
O secretario xeral do PSdG defende homologar os delitos de sedición e malversación co resto dos países europeos
O secretario xeral do PSdeG Valentín González Formoso defende a derrogación do delito de sedición e a reforma do delito de malversación aprobada polo Congreso para homologar a lexislación española coa do resto dos países europeos.
Nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega, Formoso xustificou a reforma malia non estar incluída no programa electoral do PSOE.
"Un Goberno ten que facer máis que o que figura nun programa electoral. O feito de harmonizar a lexislación española coa europea non debe estar penalizado. A sedición é un delito antediluviano. Estamos harmonizando con Europa unha situación que en España era anacrónica".
Formoso nega que exista división no seo do partido por mor desta reforma e insta as voces críticas xurdidas no seo do PSOE, como os presidentes de Castela a Mancha ou Aragón, a que se pronuncien dentro dos órganos internos do partido.
"Cando nun partido político as voces se escoitan na rúa e nos medios de comunicación e non nos órganos internos onde reflexionar e debater estase a actuar mal. O meu compañeiro Page creo que debería dicilo nos órganos internos para que as súas palabras teñan o impacto suficiente, para non ferir un partido e si para enriquecelo".
Formoso xustifica a reforma das leis do Poder Xudicial e do Tribunal Constitucional para desbloquear a renovación destes órganos que levan anos en funcións. O secretario xeral do PSdeG critica que o PP "cando está na oposición nunca chegue a un acordo do Estado e cando está no Goberno pida altura de miras ós demais".
Denuncia que o bloqueo da renovación dos órganos pendentes por parte do PP "mantén mil expedientes bloqueados no Tribunal Supremo".
Preguntado polo expediente aberto ao deputado Martín Seco por criticar as directrices do partido desde a tribuna do Parlamento, Valentín González Formoso dixo que "son cuestións internas á marxe da Secretaría Xeral".
Afirma que el está centrado "nas cuestións que lle importan á xente" e lembra que no seo do PSdeG "hai uns estatutos e un regulamento que aplicar para que o partido funcione con todas as garantías".