González Formoso estuda xa nomes para substituír a Caballero como voceiro no Parlamento
González Formoso estuda xa nomes para substituír a Caballero como voceiro no Parlamento
O novo secretario xeral dos socialistas galegos entende que "non se trata de apartar a ninguén da portavocía, senón de ver se é a persoa máis axeitada para transmitir a nova mensaxe da militancia socialista"
Con ilusión e consciente da responsabilidade que supón representar o Partido Socialista. Así di sentirse Valentín González Formoso, novo secretario xeral do PSdeG. O novo líder dos socialistas galegos márcase como reto conseguir que o seu proxecto chegue a máis institucións, entre elas, a Xunta de Galicia.
"Hai que facelo non como unha carreira electoral, senón sendo construtivos e propositivos. Aquí non vimos derrocar un Goberno nin vimos poñerlle paus nas rodas. Vimos demostrar que a nosa ideoloxía é máis garantista coa sociedade".
Para encarar esta nova etapa, Valentín González Formoso aposta pola integración. Na súa executiva incluíu dez persoas que non o votaron nas primarias, como a nova presidenta do partido, Carmela Silva, ou o seu antecesor no cargo, o senador Xaquín Fernández Leiceaga.
Nunha entrevista na RG, o novo secretario xeral do PSdeG asegurou que a executiva do partido terá que estudar proximamente a continuidade de Gonzalo Caballero como portavoz parlamentario e recoñeceu que xa ten algún nome na cabeza para substituílo.
"Gonzalo está cumprindo a súa función como portavoz. Valoraremos con normalidade e co único criterio non de apartar a ninguén da portavocía porque si, senón de ver se é a persoa axeitada para transmitir a nova mensaxe que temos mandatada por parte da militancia socialista".
González Formoso asegura que non lle preocupan os posibles recursos que o exlíder do PSdeG poda interpoñer contra a decisión da comisión organizadora do Congreso de rexeitar as candidaturas alternativas presentadas para os órganos de dirección. Asegura que a nivel persoal ten "boa relación" con Gonzalo Caballero e tamén co alcalde de Vigo e presidente da FEMP, Abel Caballero, de quen di que ten unha relación de "dez sobre dez".
Caballero admite que lle toca á nova dirección decidir novo portavoz
O portavoz parlamentario do PSdeG e exlíder da formación, Gonzalo Caballero, apuntou que continuará no cargo ata que a nova dirección o decida, en tanto que agora é o equipo de Valentín González Formoso o que debe adoptar decisións. En declaracións á prensa no Parlamento galego, Caballero explicou que mañá realizará el mesmo a pregunta ao presidente galego durante a sesión de control debido a que xa está rexistrada ao seu nome e, ademais, aínda é o portavoz.
Despois, "corresponderalle á dirección nova tomar as decisións que corresponden en relación á portavocía", admitiu.
Así, ratificou que permanecerá no seu escano como deputado durante toda a lexislatura e insistiu en que o fará por "responsabilidade" cos votantes e co partido debido a que é "unha persoa comprometida pero que non necesita a política para vivir". "Estarei sempre comprometido co PSdeG-PSOE e a miña responsabilidade é ser deputado toda a lexislatura" con "criterio e lealdade", polo que tamén continuará como portavoz ata que a dirección do partido faga outra proposta.
Caballero desexou "todos os éxitos" á nova dirección do partido debido a que se eles acertan, acertará tamén todo o partido para o que espera "catro anos" de melloras en resultados electorais como, di, sucedeu baixo o seu liderado.
Así, sinalou que o congreso celebrado esta semana será "un punto de inicio para a nova executiva" que debe saber que os "retos" do partido non poden centrarse en Gonzalo Caballero, senón en "confrontar coa dereita e ter a capacidade de facelo nun escenario complexo con outras forzas de esquerda".
Ademais, Caballero rexeitou que el tentase evidenciar un escenario de división no marco do conclave socialista a pesar de que atendeu "con moito detalle aos medios de comunicación" e tentou "dar información de todo" o que se lle pregunta dando a súa versión do sucedido.
Logo “din que non sei asumir o resultado ou que coa miña visión non estou a facilitar a solución do problema do partido”, lamentou. Na súa opinión, non foi iso o ocorrido.
Caballero dixo que non pretende presentar recursos sobre a imposibilidade que tivo para rexistrar listas alternativas para a conformación dos órganos de dirección en tanto que o comité electoral alega que non foron rexistrados nin en tempo nin en forma.