Varios roubos poñen en alerta os veciños de Goiriz
Varios roubos poñen en alerta os veciños de Goiriz
Entraron a roubar en varias casas e nun coche
Os ladróns comeron no interior dunha das casas asaltadas
A tranquilidade desa parroquia vilalbesa de Goiriz viuse alterada nos últimos días. Os amigos do alleo visitaron varias vivendas da zona e hai cando menos tres denuncias.
"Na casa aquela, nesta, nesa me parece que tamén estiveron algo, naquel chalé...".
Un dos roubos produciuse no interior dun vehículo e outro nesta vivenda. Os ladróns mesmo se atreveron a vir dúas veces. Levaron varios obxectos e tabletas e teléfonos en desuso, comeron o que atoparon e mesmo usaron o microondas. A súa pegada aínda se pode ver nunha das persianas traseiras.
"Nesta entraron por detrás, aínda está a persiana levantada. Comeron dentro e desfixeron todo".
Esta vaga de roubos xerou moita intranquilidade entre os veciños da zona, e nalgunha das vivendas onde atoparon mostra de que os ladróns quixeran entrar colocaron xa alarma de seguridade.
"Para os que estamos por aquí agora con calquera cousa temos medo".
Houbo algún veciño que mesmo se decatou dalgún movemento estraño, pero finalmente non lle deu importancia e resultaron ser os ladróns.
"O único que viu algo raro fun eu que viña de Vilalba e vin luz. Cheguei á casa e dei media volta co coche e enfoquei á porta. Estaba todo tranquilo e pensei que lle quedara unha luz acendida".
Agora os asaltos xa están a ser investigados pola Garda Civil.