Veciños da nave incendiada levan anos denunciando o punto limpo de Vigo
Veciños da nave incendiada levan anos denunciando o punto limpo de Vigo
Levan denunciando dende que se presentou o proxecto do punto limpo
A orixe do incendio podería ser que ardeu unha bengala de barco que estaba entre os refugallos
Os veciños do punto limpo no polígono do Caramuxo levaron o domingo o susto das súas vidas. É o caso de Enrique Fernández, cuxa casa está pegada á nave que ardeu e leva anos denunciando a concesionaria do servizo por introducir residuos tóxicos, supostamente, sen permiso municipal.
Dende o grupo Toysal, empresa propietaria das instalacións, aseguran que contan con todas as autorizacións esixidas para procesar os residuos tóxicos que levan xestores autorizados.
Enrique e Mercedes viven nesta casa dende hai case cincuenta anos. A vivenda está ao carón da nave que se incendiou o pasado domingo. Levaron un susto tremendo cando estaban vendo a televisión e comezaron a escoitar ruído e as sereas dos bombeiros. Foi entón cando se asomaron e viron unha columna de fume negro na nave veciña.
O polígono do Caramuxo foise expandindo arredor da súa casas polos antigos campos de millo, e en maio do 2004 Enrique e outros veciños puxeron unha denuncia contra o proxecto do que agora é o punto limpo do outro lado do seu muro.
Denuncia que foi desestimada, coma as que puxeron anos despois tras detectar a presenza de produtos tóxicos. Malia que xa teñen asumido o que hai doutro lado do muro, piden maior limpeza nas instalacións, porque hai momentos en que o cheiro é insoportable.
Dende o Grupo Toysal, propietario da nave, afirman que cumpren con toda a normativa vixente e teñen todas as autorizacións necesarias para o exercicio da súa actividade. Segundo as primeiras investigacións, a orixe do incendio do pasado domingo podería estar na explosión dunha bengala de barco que estaba entre os refugallos.