Publicador de contidos
Publicador de contidos

Veciños de Maguxe, en Ames, piden que se rocen as leiras da contorna

Veciños de Maguxe, en Ames, piden que se rocen as leiras da contorna

A vexetación dos terreos veciños entra nas súas casas e teñen medo do lume

Piden que o Concello actúe de xeito subsidiario, xa que os propietarios non as limpan

 

 

G24.gal 12/06/2023 14:07

A vexetación apenas deixa ver algunhas casas do lugar de Maguxe, en Ames. As pólas, os toxos e o mato das leiras lindeiras entran polos seus peches e teñen medo de que un lume o acabe limpando todo.

"Claro, temos medo de que en vez de limpala os propietarios a limpe o lume, parece que agardan a iso".

"Pedimos non ter as árbores entrando nas nosas propiedades, se hai lume ardemos".

"Conforme está, se alguén planta lume é imposible apagar isto" lamentan os veciños.

As parcelas son de varios propietarios aos que non coñecen nin dan localizado. Malia que a lei os obriga a manter o terreo rozado, non o fan. Por iso son os veciños os que, desesperados, tentan cortar a vexetación que ameaza e mete sombra nas súas casas.

"Tes que comprar ou pedir prestadas máquinas que non tes, e acabas entrando para limpar neses terreos que tampouco son teus, é un problema".

"Levo 28 anos aquí e todos os anos teñe que meterme a limpar eu, menos o dono deste pequeno anaco que sí cumple e limpa. O resto, nada", explican os afectados.

Xa denunciaron o problema ante as administracións, pero, polo momento, non houbo resposta. Piden que o Concello actúe de xeito subsidiario canto antes porque chega a época de máximo risco de incendios.

"Varias veces presentamos escritos ante o Concello e ante a Xunta, pero ninguén nos fai caso".

"Tería que haber 50 metros de faixa de seguridade entre o monte e as casas, non os hai nin de broma".

"Que metan un tractor e manden a factura despois aos donos, que eles si poden saber perfecamente quen son", comentan os veciños.

En 2006 xa viviron un incendio na aldea e non queren que nada igual se volva repetir, e menos cando as silvas dos veciños entran, literalmente, polas súas casas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade