Veciños de Muros denuncian os problemas de salubridade que xera unha ruína da zona vella
Veciños de Muros denuncian os problemas de salubridade que xera unha ruína da zona vella
Piden que os propietarios saneen o inmoble, "pragado de humidade e ratas"
Están dispostos a acudir á vía xudicial, como xa fixeron outros veciños cun caso similar
Paloma e a súa parella non aguantan máis. A súa casa fai parede con esta vivenda abandonada no corazón da zona vella de Muros. Un foco de insalubridade, co que, como se pode deducir desta imaxe dunha rata na cociña, é moi duro convivir.
"Mete ratas, humidades, bichería, tamén tivemos térmites porque unha das vigas de madeira comunica coa casa do lado. Temos problemas desde hai moitos anos", explica Paloma Valdomar Caamaño.
Falaron cos propietarios sen éxito. Denunciaron no Concello, pero os primeiros expedientes caducaron. Mesmo chegaron ao Valedor do Pobo. A casa está á venda, pero o tempo pasa, e ninguén a compra.
"Os herdeiros son dúas familias que non se poñen de acordo co prezo de venda, e non chegan a acordo nunca, e iso que na zona hai moita demanda de vivendas. Nós o que queremos é que a saneen, que retiren a maleza e a bichería e que lle poñan unha cuberta porque o tellado caeu", engade Paloma.
Desde o Concello aseguran que van tomar medidas, instando os propietarios a que saneen o inmoble baixo ameaza de sanción. Poderían obrar subsidiariamente, pero din que non poden asumir economicamente estas actuacións dado o elevado número de inmobles privados que esmorecen na zona vella.