Veciños dun edificio de Poio, en alerta pola chuvia, tras dúas inundacións en menos dunha semana
Veciños dun edificio de Poio, en alerta pola chuvia, tras dúas inundacións en menos dunha semana
A auga anegou o garaxe o xoves pasado por riba do metro de altura, e onte volveu entrar
A orixe da inundación podería estar nunha tubaxe que rompeu nunha perpendicular, pero que segue sen reparar
A auga entrou coa forza dun río, pasada a medianoite. Primeiro, o xoves pasado e superou o metro de altura. Unha veciña indica a marca que deixou na parede e conta o apuro que pasaron.
"O rocho nadando, con todas as nosas pertenzas dentro... e corremos a sacar os coches, as motos e o que puidemos".
"Cando baixamos, apenas había, estaba case seco pero en medida hora, xa era imposible. Para sacar algún dos coches, foron ao límite. Era moita auga".
Sorte da alarma, que puxeran hai uns oito anos, noutra inundación que provocou danos aínda peores. De feito, moitos veciños perderan o coche.
"Como nos pasara anteriormente tiñamos a alarma por se volvía a pasar, que nos avisara. Aí si que nos pillou como dezanove coches no baixo", lembra unha veciña das que quedara sen coche.
Sen tempo de se recuperar, onte volveu pasar. Á falta do informe oficial, cren que teñen localizada a orixe do problema, pero a avaría aínda non está reparada, e non queren parches.
"Botaron toda a canalización para a rúa, que se pode ver... o caudal todo ese que sae á rúa foi o que nos entrou a nós".
"Taparon unha tubaxe, desviárona para a estrada e deixou de botar auga, así que aí hai unha tubaxe rota. Queremos que o concello abra a estrada e que meta canalizacións en condicións", explica María Ángeles Prego, a presidenta da comunidade.
Mentres, toca baleirar rochos, lidar cos seguros e buscar onde aparcar porque, unha semana despois, o garaxe segue cuberto de lama.