Veciños e comerciantes de Perillo, en Oleiros, protestan polas obras da N-VI
Veciños e comerciantes de Perillo, en Oleiros, protestan polas obras da N-VI
Esixen solucións aos atascos e o caos circulatorio e piden unha saída en dirección A Coruña dende as súas vivendas
Trátase dunha obra moi importante do Ministerio de Fomento para soterrar o trafico da nacional sexta ao seu paso por Perillo. Aínda restan arredor de 2 anos para que rematen e veciños e comerciantes están xa preto do límite.
Os que viven nas vivendas e urbanizacións da contorna son os máis afectados porque moitos non poden saír en dirección á Coruña cos seus coches e os atascos continuos estanlles a complicar moito a vida. Están pensando xa en manifestacións e protestas se non se atenden as súas demandas.
Xa dende primeira hora da mañá pódense apreciar esas complicacións. Ao tráfico moi denso co corte de varios carrís, únense os movementos de maquinaria pesada, a chegada dos autobuses escolares e ás veces mesmo o paso de ambulancias. No peor dos casos tamén accidentes ou choiva.
Os veciños da zona reclaman que polo menos esta manobra de saída en dirección A Coruña poida realizarse de xeito legal e sen riscos colocando algún semáforo de obra coordinado cos habituais. Os negocios da zona, concesionarios, farmacia e moitos máis tamén están a sufrir as consecuencias destas obras.
Só na marxe da ría do Burgo son preto de 400 familias afectadas, ademais dos comerciantes. Reclaman solucións ante unha situación que xa ven de lonxe e á que aínda lle restan anos por diante.