Publicador de contidos
Publicador de contidos

Vendedores ambulantes de Vilagarcía cren que o tráfico será incompatible cos seus postos

Vendedores ambulantes de Vilagarcía cren que o tráfico será incompatible cos seus postos

As obras de ensanchamento das beirarrúas, incluídas no acordo ao que chegaran co Concello para abrir a rúa aos vehículos, están a piques de rematar

Comerciantes do centro defeden que se poida circular todos os días da semana, mesmo os dous días en que se celebra o mercado

G24.gal 31/05/2022 14:48 Última actualización 31/05/2022 15:21

A piques de rematar os traballos para ensanchar as beirarrúas e elevar os pasos peonís, a rúa Alexandre Bóveda deixará de estar cortada ao tráfico de vehículos mesmo durante a celebración do mercado ambulante dos martes e os sábados.

As obras forman parte do acordo asinado en 2020 por ambulantes, vendedores e o Concello de Vilagarcía, un documento que establece que unha ringleira de postos deberá desprazarse a outra zona próxima e o resto terá que convivir co tránsito rodado. Pero o consenso daquela rompeu.

Algúns dos vendedores ambulantes desta rúa din: "Vainos prexudicar moito, non sei ata que punto seguirá o mercado se isto segue adiante".

Aseguran que "asinamos ese papel para poder traballar no verán porque despois da pandemia xa estabamos moi fastidiados e para tratar de chegar a un acordo mándannos para outra rúa, e agora van poñer alí fontes que non van deixar sitio para todos".

Con todo, outros comerciantes, os da asociación Zona Aberta, defenden a medida; explican que durante a celebración do mercado os seus negocios quedan illados.

"Nós decatámonos de que eses dous días coa rúa pechada a xente non accede ao centro de Vilagarcía", di Rocío Louzao, presidenta da asociación.

Pero os ambulantes din que vai ser un perigo simultanear coches e postos de venda. Algo que tamén destacan os vendedores da praza de abastos, contigua á zona do mercado ambulante, aínda que apuntan á necesidade de respectar o asinado.

O presidente dos vendedores da praza, Juan Carlos López, di que "eu non estaría moi seguro traballando porque un descoido, alguén que sae... non acabo de velo, pero xa non se vía daquela e a maioría decidiu asinalo, así que agora haberá que respectar o acordo e ver como funciona".

O acordo asinado en xullo de 2020 establece que se, por circunstancias de saúde pública ou seguridade viaria, non se considerara oportuna esta convivencia entre mercado e circulación viaria, buscaríase de novo unha solución consensuada coas partes afectadas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade