Publicador de contidos
Publicador de contidos

Venecia limita os grupos de turistas guiados a 25 persoas e prohibe os altofalantes

Venecia limita os grupos de turistas guiados a 25 persoas e prohibe os altofalantes

Os grupos non poderán parar en lugares onde obstaculicen a circulación, sobre todo as pontes e as súas ramplas de acceso

O Concello estuda dobrar ata os 10 euros a taxa de acceso á cidade para 2025

G24.gal 01/08/2024 16:06

A cidade de Venecia limitará os grupos guiados de turistas con guía a un máximo de 25 persoas a partir deste xoves, cando se aplicará tamén a prohibición para os guías de usar altofalantes para as súas explicacións en pleno circuíto.

A medida, aprobada por unanimidade o pasado 1 de febreiro, está destinada a preservar "as necesidades de protección dos residentes e a promoción da mobilidade dos peóns" tanto na Cidade das Canles como nas illas de Murano, Burano e Torcello, segundo explica o Concello veneciano na súa páxina web.

"Entre os obxectivos da disposición atópase tamén a loita contra os fenómenos de exercicio abusivo das profesións turísticas", indícase no comunicado.

A resolución establece que os grupos de turistas non poden ser de máis de 25 persoas "ou a metade dos pasaxeiros dun autobús turístico", un cómputo no que non están incluídos os menores de idade ata os dous anos.

Estes grupos tampouco poderán parar en lugares onde obstaculicen a circulación do fluxo peonil, sobre todo as pontes e as súas ramplas de acceso, reservadas a persoas con discapacidade.

No caso de que coincidan varios grupos nun mesmo lugar, serán os guías os que estean obrigados a apartar o seu grupo a unha distancia dos demais para que non supoña ningún obstáculo evidente para o fluxo dos peóns.

Tamén estará vetado o uso de altofalantes para explicacións dos guías, xa que "poden causar confusión e perturbación" aos viandantes.

As limitacións non se aplicarán a grupos de estudantes en visitas ou viaxes educativas, nin en operacións de embarque e desembarque de vehículos terrestres ou náuticos no caso no que as explicacións sexan proporcionadas dentro dos mesmos.

Con este paso, Venecia pon en marcha máis medidas ante o turismo de masas, como a "peaxe" de entrada, de 5 euros, que comezou a cobrarse o pasado 25 de abril nunha proba piloto que finalizou o 14 de xullo con preto de 2,25 millóns de euros recadados polo pago duns 450.000 turistas.

Tras iso, o Concello estuda a idea de dobrar ata os 10 euros a taxa de acceso á cidade para 2025. Segundo o exposto, estableceríase unha tarifa básica de entrada de tres euros para os turistas que reserven con antelación, pero elevando o prezo aos 10 euros nos días de maior actividade. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade