Publicador de contidos
Publicador de contidos

Vero Boquete volve facer historia metendo a Fiorentina na Champions

Vero Boquete volve facer historia metendo a Fiorentina na Champions

A xogadora galega anotou no minuto 96 o penalti que devolve á Fiorentina á máxima competición continental

G24.gal 01/05/2024 22:37

A galega Vero Boquete marcou o gol do empate da Fiorentina contra o Inter (2-2) no tempo engadido e clasificou o seu equipo de xeito matemático para a vindeira edición da Liga de Campións, competición que o equipo viola non xogaba desde a campaña 20-21. 

A Fiorentina remontou o 2-0 do Inter e celebrou o regreso grazas á achega decisiva da mellor xogadora da historia do fútbol galego, que asumiu a responsabilidade de lanzar o penalti no 96. A capitá non errou malia a transcendencia do momento: "Pesaba moito ese penalti, o árbitro díxonos que era a última xogada do partido e sabía da responsabilidade, pero sentín que tiña a confianza de todas as miñas compañeiras", declarou Boquete ás canles oficiais do club. 

Vero Boquete leva unha temporada sensacional con oito goles e nove asistencias. E o seu club, a Fiorentina, terá outra oportunidade de facer historia o 24 de maio cando xogue a final da Copa de Italia contra a Roma.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade