Vero Boquete: "Gañamos unha batalla pero estamos a perder a guerra"
Vero Boquete: "Gañamos unha batalla pero estamos a perder a guerra"
A futbolista galega cuestiona o nomeamento de Montse Tomé como seleccionadora
A galega Verónica Boquete dixo que coa dimisión de Luís Rubiales gañouse unha batalla contra o machismo no fútbol pero que se está perdendo a guerra por lograr cambios profundos no fútbol feminino español.
"Gañamos unha batalla pero estamos a perder a guerra", dixo a excapitá da selección española e actual xogadora da Fiorentina italiana, nunha entrevista coa revista alemá Der Spiegel.
"Rubiales viu ao fin que non tiña sentido seguir amarrándose ao seu posto. Pero queremos un cambio máis profundo", agregou.
Boquete, como xa o facía antes, cuestionou o nomeamento de Montse Tomé como seleccionadora alegando que ata o de agora só foi segunda e que tardou moito en distanciarse de Rubiales.
"Tolerou demasiadas cousas e distanciouse moi tarde de Rubiales. Non poño en dúbida que é unha boa adestradora. Pero, é a mellor que se pode atopar para o mellor equipo do mundo? Creo que non. Hai outras con máis experiencias", dixo.
Segundo Boquete, a mensaxe que se envía agora é que "como agora adestra unha muller, as xogadoras non poden seguir queixándose". "Iso non é o que queremos. Aínda que preferimos a Montse sobre Jorge (Vilda) é algo inxusto, por iso as xogadoras seguen en folga", asegurou