Vía libre para a saída de cereais de Ucraína
Vía libre para a saída de cereais de Ucraína
O acordo prorroga o anterior outros catro meses
Rusia logra o aval da ONU para exportar os seus fertilizantes
Ucraína poderá seguir sacando cereais desde tres dos seus portos no mar Negro. Xa o estaba facendo desde xullo, pero Rusia rompeu o acordo en outubro tras un ataque ucraíno contra a península de Crimea.
Este xoves, os dous países, coa mediación de Turquía e a ONU, retomaron a súa vixencia e prorrogárono durante catro meses máis, aínda que Ucraína non logrou ampliar o permiso ruso ao porto de Mikolaiv.
O primeiro acordo permitiulle exportar dez millóns de toneladas de gran. Pola súa banda, Moscova consegue o aval da ONU para que Occidente levante as sancións sobre os seus fertilizantes.
Continúan os bombardeos
Pero o pacto non aplacou o furor bélico. Os mísiles rusos caeron sobre Dnipro, a cuarta cidade ucraína. Destruíron dúas instalacións de xeración de enerxía.
Os bombardeos sobre un barrio residencial de Zaporijia mataron catro persoas, e outra morreu nos ataques sobre Khárkiv.
Ademais, os sistemas de defensa antiaérea de Kíiv interceptaron dous mísiles. Os ataques coincidiron coa caída da primeira nevarada sobre a capital. A compañía enerxética ucraína estima que o 40 % dos ucraínos vivirán as primeiras xeadas sen luz e, en moitos casos, sen calefacción.
A Comisión Europea prepárase para enviar outras 1.800 toneladas de axuda humanitaria. Ata agora, os países comunitarios só enviaron 800 xeradores eléctricos ao país, moi lonxe dos 25.000 que solicitan as autoridades ucraínas.