Vieites: "Incrementar os custos sobre as empresas non vai solucionar nada, hai que chegar a acordos"
Vieites: "Incrementar os custos sobre as empresas non vai solucionar nada, hai que chegar a acordos"
Vieites: "Incrementar os custos sobre as empresas non vai solucionar nada, hai que chegar a acordos"
"Os anos 2023 e 2024 serán cruciais no crecemento económico de España"
"Temos que facer reformas estruturais e chegar a un acordo sobre salarios"
A Confederación Galega de Empresarios celebra o seu 40 aniversario. O acto central contou coa presenza de Filipe VI. Catro décadas, máis e menos brillantes, con máis ou con menos presenza social e económica, pero testemuña imprescindible de Galicia.
No inmediato: grandes retos. A medio prazo, asentar en Galicia unha cultura empresarial en que todos gañen: empresarios, traballadores e, en xeral, a sociedade no seu conxunto.
Juan Manuel Vieites é o seu presidente e estivo nunha entrevista no informativo Bos días. Destacou que houbo moitos avatares durante eses 40 anos e agora a institución está intentando reconducir os aspectos que inflúen na competitividade das empresas. Afirmou que o importante é recobrar a consolidación da recuperación económica.
En canto a esa recuperación, Vietes destacou que "a vacinación foi unha cousa moi importante para a globalización dos mercados, pero hai territorios onde non se chega ao 10 %". Preocupa, afirmou, os prazos de entrega dos provedores, e dixo que hai problemas de entrega porque hai falta de contedores.
O presidente da CEG destacou que a inflación e o déficit tamén lles preocupa porque pode influír dunha maneira negativa na recuperación e a consolidación.
Reforma laboral
En canto á reforma laboral, Vieites destacou que non lles preocupa que se produzan algúns cambios e afirmou que a reforma de 2012 creou emprego. Cre que "hai que buscar medidas adecuadas para a integración dos mozos e evitar a temporalidade".
Destacou que as medidas desta reforma deben de ser cara aos próximos anos e que hai buscar un consenso para que o sector empresarial "non sufra".
O presidente da CEG subliñou que "sempre defendo o diálogo social e que hai que buscar medidas que non distorsionen a posibilidade de crecer en emprego e riqueza". Cre que ese é o camiño para a recuperación económica.
Aumentar a cotización
Sobre a xuntanza entre o Goberno e os empresarios deste luns para aumentar a cotización e así garantir o futuro das pensións, cre que incrementar os custos no sector empresarial é prexudicalo.
É partidario de que hai que negociar para gañar entre todos o reto do futuro e ter en conta a situación dos pensionistas actuais e das xeracións futuras.
Industria galega
Vieites cre que a industria galega ten retos importantes e destacou que Galicia ten o 20 % da súa terra industrializada. Destacou que territorios como As Pontes ou Ferrolterra están con moitas dificultades.
Cre que hai que adoptar medidas, sobre todo nos custos enerxéticos e a política enerxética, e intentar que as empresas sexan competitivas. Destacou que tras a pandemia, a produtividade baixou moito. Pensa que hai que buscar políticas de formación adecuadas polo cambio que a dixitalización ou a economía verde van producir a partir de 2030.
O presidente da CEG afirmou non é partidario da creación dunha empresa eléctrica pública galega e destacou que habería que buscar unhas enerxías alternativas para equilibrar os custos.
Pesca
Vieites dixo que el é partidario de que a Unión Europea e o Reino Unido cheguen a un acordo en canto a repartición das cotas da pesca. Cre que hai que chegar a un acordo equilibrado coas dúas partes e que Galicia ten unha flota moi importante pescando neses caladoiros.
40 anos da CEG
Vietes rematou referíndose aos 40 da CEG e afirmou que desde que tomou cargo da presidencia, a súa primeira visión foi incluír no consello asesor ás grandes empresas galegas.
Subliñou que a unión empresarial que el prodigou desde que é o presidente "está aí" e cre que están na folla de ruta adecuada para poder defender os intereses dos empresarios para esa creación de riqueza e emprego en Galicia.