Publicador de contidos
Publicador de contidos

Vieites, patronal galega, sobre a reforma das pensións: "Non se pode ir de Robin Hood para solucionar unha cousa e crear máis problemas"

Vieites, patronal galega, sobre a reforma das pensións: "Non se pode ir de Robin Hood para solucionar unha cousa e crear máis problemas"

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia ve posible chegar a acordos cos sindicatos na negociación salarial pero critica a "influencia" do Goberno

Vieites considera que o sistema bancario español está "fortalecido" polo que "non hai que ter moita preocupación"

G24.gal 25/03/2023 11:06 Última actualización 25/03/2023 11:57

O presidente da patronal galega, Juan Vieites, considera que a reforma das pensións proposta polo Goberno ten carácter "populista" e se trata dun "imposto máis". Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana, Vieites avanza que a Confederación de Empresarios de Galicia analizará ao detalle esta reforma pero xa avisa que afectará a "competitividade" empresarial e "os salarios".  Para Vieites, esta reforma  é "un imposto máis, un imposto que nós pensamos pagamos o destope simliar ao IRPF, con máis gravame, máis cotización adicional de solidariedade e progresivo en canto aos próximos anos pero que non resolve o problema de horizonte de 2050 do que están a falar". 

"Non se pode ir de Robin Hood intentando solucionar unha cousa que realmente vai producir máis problemas. No curto prazo pode ser boa pero no prazo a partir de dous, tres anos, produce incertezas"  

Negociación salarial

O presidente da patronal galega tamén celebra que se retomase  a negociación cos sindicatos en materia de salarios. Mesmo considera posible "chegar a acordos" pero engade que "para iso hai que ter vontade pola outra parte, pola parte sindical", para chegar a eses acordos. Doutra man critica a "influencia do propio Goberno por algún dos sindicatos, que parece que é o propio Ministerio de Traballo".  

Incertezas no sector financeiro 

Vieites lanza mensaxe de tranquilidade sobre os efectos no sector financeiro español polas incertezas internacionais que planan estes últimos días. "Eu penso que realmente para España -coa incerteza que sempre produce isto nos mercados- o que fai é moita sobrerreación. Hai que estar á espreita, pero non hai que ter moita preocupación co sistema bancario español porque está moi fortalecido", argumentaba. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade