Publicador de contidos
Publicador de contidos

As vilas galegas intentarán manter as procesións de Semana Santa a pesar do tempo

As vilas galegas intentarán manter as procesións de Semana Santa a pesar do tempo

Vigo anunciou nas últimas horas que suspende as procesións do Xoves e Venres Santo

G24.gal 27/03/2024 16:24 Última actualización 27/03/2024 17:00

A chuvia e o vento que está a traer a Galicia a borrasca Nelson sementa de inquedanza os preparativos das confrarías para poder procesionar os vindeiros días.

A diocese de Vigo-Tui xa tomou a decisión de suspender as procesións que tiña programadas para Xoves e Venres Santo na cidade de Vigo. 

En Ferrol, onde as previsións son tamén de chuvia, as confrarías seguen a preparar os tronos e tratarán de manter ata o último momento as procesións, aínda que sexa co percorrido recortado, como a confraría da Mercé, que ten previsto saír este mércores ás sete da tarde.

O tempo a verdade é que non está dando tregua, aínda que de momento todas as procesións de Ferrol están saíndo, están tendo moita sorte. Plan A? Saír. Plan B? Quedar na casa. Pero vaia, se quedamos na casa as imaxes quedarían expostas para a súa veneración e para que toda a xente poida vir velas e estar un pouquiño con elas", di Elena Pena, irmá maior da confraría da Nosa Señora da Mercé.

No outro dos epicentros da Semana Santa galega, en Viveiro, polo momento tampouco se tomou a decisión de suspender ningunha das procesións programadas e cada confraría agardará ata o último momento pola posibilidade de saír.

En todo caso e como aconteceu en anos anteriores, se chove, os actos principais celebraranse no interior dos templos, como o viacrucis previsto para a noite deste mércores ou a famosa Procesión do Encontro con imaxes articuladas do Venres Santo. 

Previsións similares teñen as confrarías de Cangas, Santiago e Lugo, coa idea de manter, malia a chuvia, aquelas procesións onde non haxa tallas que se poidan estragar, mentres que os tronos poderán ser visitados nas igrexas. Chova ou trone, din que conmemorarán a Semana Santa, procesionando ou no interior.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade