Publicador de contidos
Publicador de contidos

Villares: "O plan do marisqueo é adaptable, vivo e colaborativo"

Villares: "O plan do marisqueo é adaptable, vivo e colaborativo"

O conselleiro do Mar di que o obxectivo do Plan de Competitividade e Sostibilidade do Marisqueo 24-25 é a recuperación dos bancos

Alfonso Villares critica no Parlamento que o Goberno do Estado non declarase a situación de emerxencia nas rías por meteoroloxía adversa

O titular de Pesca confía nun cambio de rumbo na política pesqueira común

EFE / Lavandeira Jr.
G24.gal 24/09/2024 12:55

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, cualificou de "adaptable, vivo e colaborativo" o Plan de Competitividade e Sostibilidade do Marisqueo de Galicia 2025-25. 

Posto en marcha nesta lexislatura, o plan está dotado con "127 millóns de euros" e financiado con "fondos propios e da UE", segundo explicou o titular de Pesca, quen compareceu este martes no pleno do Parlamento de Galicia a petición propia. "Trátase dunha ferramenta de traballo viva, froito do traballo co sector", que ten como obxectivo "a recuperación dos bancos marisqueiros" desde "a sustentabilidade, a competitividade e a rendibilidade" para "asegurar o futuro".

Na súa intervención, Villares cargou contra o Goberno do Estado, que "non declarou a situación de emerxencia nas rías nunhas condicións de meteoroloxía adversa", a diferenza, asegurou, "do que fixo noutras comunidades autónomas", en referencia ás chuvias do outono de 2023 e que provocaron altos índices de mortaldade nos bancos marisqueiros.

O conselleiro manifestou a súa confianza en que o novo comisario de Pesca da UE encarne "un presaxio de cambio", a fin de que a política pesqueira común "recupere o equilibrio entre os obxectivos ambientais, sociais e económicos" e prime "o enfoque realista e socioeconómico" sobre os criterios "ambientais".

O deputado do PSdeG Julio Abalde puxo en dúbida o coñecemento do sector sobre o programa de axudas da Xunta de Galicia que, ao seu xuízo, carece de "estabilidade".

O parlamentario socialista tamén cuestionou a capacidade de diálogo co sector extractivo: "Ao sector preocúpalle a ausencia de solucións dilixentes e efectivas".

Na súa quenda, a voceira de Pesca do BNG, Rosana Pérez, cualificou o discurso do conselleiro do Mar como o dunha persoa que "feliz de coñecerse", xa que, engadiu, "en caso de que algo vaia mal a responsabilidade non é súa".

Pérez lembrou que as competencias do marisqueo son "exclusivamente da Xunta de Galicia", polo que acusou a Villares de "botar balóns fóra" por culpar dos problemas do sector "o cambio climático e o vello coñecido de Madrid".

Na súa quenda, Miguel Fidalgo, polo PPdeG, defendeu a acción do Goberno galego como "a única administración que estivo dando solucións desde o primeiro momento", nun momento en que, asegurou, "a pesca está en perigo".

Fidalgo subliñou que o "80-90 % das decisións que afectan ao noso mar se toman en Bruxelas e nos últimos anos a Comisión Europea deulle as costas ao sector da pesca, ignorou a súa importancia ambiental, social e económica"; "por iso todo o Partido Popular pedimos un comisario específico", engadiu.

O deputado do PPdeG tamén denunciou o trato discriminatorio a Galicia por non declarar as rías como zona catastrófica tras os temporais do outono pasado. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade