Publicador de contidos
Publicador de contidos

Vinicius desata unha onda de solidariedade tras os cánticos racistas de Mestalla

Vinicius desata unha onda de solidariedade tras os cánticos racistas de Mestalla

A Fiscalía de Valencia investiga o acontecido por un presunto delito de odio

O Real Madrid denuncia os feitos na Fiscalía Xeral do Estado

O Valencia anuncia que expulsará para sempre do estadio os responsables. Un xa foi identificado.

G24.gal 22/05/2023 21:05

A xogada que precipitou os acontecementos en Mestalla foi a que segue: Vinicius está a piques de entrar na área cando un segundo balón aparece en escena. Mentres De Burgos Bengoetxea sinala falta e cartón, o dianteiro localiza alguén na bancada que o insulta chamándolle "mono". A Liga non facilita imaxes do momento que obrigou a parar o encontro dez minutos e a activar o protocolo antirracismo. Os feitos aparecen recollidos na acta arbitral.

Non é a primeira vez que isto lle sucede a Vinicius pero a diferenza doutras ocasións este domingo acabou expulsado tras un enfrontamento con Hugo Duro que revisou o VAR. O dianteiro saiu do campo facendo xestos de que o Valencia ía a Segunda mentres a bancada volvía insultalo chamándolle "parvo" e "mono". 

"Para min había que parar o partido. Non foi unha persoa a que se volviu tola. Foi todo o estadio o que se volviu tolo", explicou Carlo Ancelotti.

Rematado o encontro, Vinicius escribiu nas súas redes sociais: "Síntoo polos españois que non están de acordo, pero hoxe, no Brasil, España é coñecida como un país de racistas". Incómodo coa acusación, o presidente da Liga intentou desmentir o xogador asegurando que a "Liga persegue estes feitos para erradicalos" e que, sobre todo, "son puntuais". Palabras que avivan unha ferida que sangra dende fai demasiado tempo. A súa repercusión é xa imparable. As reaccións non se fixeron agardar.

"Eu penso que a FIFA, a liga española e o resto de ligas do mundo teñen que tomar medidas serias. Porque non pode ser que o fascismo e o racismo entren nos campo de fútbol", dixo o presidente Lula da Silva dende o cumio do G7 no Xapón. 

"O primeiro que temos que facer é recoñecer que temos un problema no noso país. Un problema de comportamento, de educación e de racismo", asegurou o presidente da Federación Española de Fútbol, Luís Rubiales. 

Xavi Hernández, adestrador do F. C. Barcelona, foi tallante na súa comparecencia de prensa. "Dá igual a camisola. Vinicius é persoa antes que xogador do Real Madrid. Hai que defendelo por diante das cores da súa camisola", sentenciou. 

A temporada está sendo un pesadelo para Vinicius fóra do Bernabeu. No Sadar, no Benito Villamarín e recentemente no Camp Nou escoitáronse cánticos racistas. En xaneiro, na previa do derbi madrileño de Copa, apareceu un boneco colgado dunha ponte coa camisola do xogador. 

"A liga española ten un problema. E non é Vinicius. Trátase de algo moito máis grave", asegurou o adestrador do Real Madrid tras o partido de Mestalla. 

A Liga presentou nove denuncias por insultos ou cánticos racistas contra Vinicius ao longo deste curso. Polo menos en tres ocasións caeron en saco roto. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade