Os visitantes gozan do enoturismo nas xornadas de portas abertas da Ruta do Viño do Ribeiro
Os visitantes gozan do enoturismo nas xornadas de portas abertas da Ruta do Viño do Ribeiro
Unha experiencia única para coñecer a historia, o patrimonio e a tradición vitivinícola da denominación de orixe do Ribeiro, a máis antiga de Galicia
O viñobús traslada os turistas desde todas as cidades galegas ata as adegas da comarca onde poden catar os viños brancos e tintos, e tamén os primeiros vermús do Ribeiro
Un dos obxectivos da D. O. é consolidar a comarca como un destino enoturístico de calidade e desestacionalizado
A Ruta do Viño do Ribeiro celebra esta fin de semana a súa décimo primeira edición da xornada de portas abertas, cun programa cheo de propostas para gozar do enoturismo, con visitas ás adegas, catas, degustacións gastronómicas e visitas guiadas ao patrimonio da comarca.
"Todas as adegas participantes ofrecemos hoxe de balde unha visita aos nosos viñedos e adegas. Traballamos un viño ecolóxico e explicamos despois na adega as elaboracións que facemos. No noso caso temos agora no mercado tres viños brancos, dous vermús, un branco e un tinto, e tamén facemos un tostado, algo que chama moito a atención", explica Dori Rodríguez, a propietaria de Adegas Celme.
Os visitantes puideron coñecer os viñedos que producen en ecolóxico e descobren como nesta pequena adega en Castrelo de Miño elaboran, ademais dos primeiros vermús do Ribeiro, o tradicional viño tostado, unha elaboración que xa está en perigo de extinción.
E proban os distintos viños e vermús, brancos e tintos.
Ademais, nas actividades da Ruta do Viño do Ribeiro coñecen a historia vitivinícola e patrimonial desta comarca, ligada aos monxes do mosteiro de San Clodio.
Nesta xornada visitaron tamén a igrexa de Santa María de Castrelo de Miño, ao pé do encoro e que conta cunhas vistas privilexiadas do río Miño.
Unha experiencia única para achegarse ao Ribeiro, que proporciona a denominación de orixe máis antiga de Galicia e onde xa no século II antes de Cristo comezaron a facer viño.
"Un alicerce fundamental para un dos grandes obxectivos para os vindeiros anos da enocomarca do Ribeiro que é posicionarse como destino turístico tanto de calidade coma desestacionalizado", asegura Juan Manuel Casares, o presidente do Consello Regulador da D. O. Ribeiro.
"A cultura do viño do Ribeiro vén de miles de anos de historia, unha historia dun territorio onde esa historia deixou unha serie de pegadas patrimoniais e, polo tanto", explica o presidente do Consello Regulador da D. O. Ribeiro ,"estas xornadas achegan a xente ao viño do Ribeiro pero tamén á súa contorna".