Volve o inverno en pleno mes de maio
Volve o inverno en pleno mes de maio
Chuvia intermitente, descenden as temperaturas e tamén a cota de neve, ata os 1.200 metros
No lugar de ver asomarse o verán.
"As temperaturas son baixas para a época do ano na que estamos. Hai dous ou tres graos menos", explica Francisco Infante, delegado territorial da AEMET en Galicia.
Este martes as máximas oscilan entre os 15 e os 17 graos. Pola noite baixarán especialmente as mínimas. As temperaturas descenden de xeito notorio. Tanto que mañá poderían caer folerpas porque a cota de neve cae aos 1.200 metros.
Frío asociado a esta borrasca que está a deixar chuvascos intermitentes.
"Precipitacións abundantes en períodos curtos de tempo, pero non son moi abundantes en canto a cantidades acumuladas por horas", di Infante.
E no mar hai activado un aviso amarelo por mar combinado, por mor do vento do oeste, máis forte na zona de Estaca de Bares e na Mariña, con ondas de ata catro metros de altura.
"O mar está complicado... case coma no inverno".
E aínda así, nas praias de Riazor e Orzán están a retirar a duna que se levanta ano tras ano para protexer o paseo marítimo dos temporais. Está previsto que desapareza por completo a comezos do próximo mes.